Rebeliom do Inframundo | Alberto Lora

Rebeliom do Inframundo lanza ‘Orgulho’, o quinto disco da banda viguesa

2 Marzo 2026

  • ‘Orgulho’ (Galunk Producións, 2026) é un manifesto de identidade, clase e memoria, un álbum que se sumerxe nunha viaxe sonora con raíz e terra
  • A xira ‘Orgulho’ arrinca con forza e coas primeiras datas pechadas en Barcelona (6 de marzo), Bilbao (28 de marzo), Madrid (18 de abril) e Santiago de Compostela (8 de maio)
  • O lanzamento de ‘Orgulho vén’ acompañado do videoclip de Cantos da Taberna, que se estreou este xoves, 26 de febreiro, na canle de YouTube de Rebeliom

‘Orgulho’ non é só un título: é unha declaración política e vital. “É un traballo consciente e autocrítico, un traballo persoal que segue tendo a nosa raíz, a nosa forza e a nosa potencia, pero tamén a madurez e a calma necesarias nestes tempos convulsos”, así o explica Nervo, membro da banda.

Para Rebeliom do Inframundo, foron moitos anos de esforzo, e ninguén lles puxo nada nas mans. Este é xa o quinto disco da banda, e ter chegado ata aquí é o resultado de algo moi sinxelo e moi difícil ao mesmo tempo: traballo, constancia e fidelidade ao que son. Non hai atallos. Só horas, compromiso e a convicción de seguir adiante. “E iso, claro, fainos sentir profundamente orgullosos. Orgullosos da nosa maneira de entender a vida, da xente que camiña ao noso lado, da contorna que nos formou. Orgullo colectivo, orgullo de clase, orgullo de país… e tamén un orgullo íntimo, persoal, de saber que non traizoamos as nosas raíces”.

Este disco non é só música: “Orgulho é un disco de raíz, cheo de rabia, paixón, tradición e respecto por un mesmo e polas nosas devanceiras. O dedo que aperta o gatillo, a bala que impacta no peito, a flor do toxo no cumio do Monte do Facho”.

“Nun tempo no que o individualismo parece impoñerse e as oportunidades estréitanse, cremos que é fundamental reivindicar o orgullo de pertencer a unha terra, a unha historia, a unha memoria compartida. O orgullo das nosas avoas e bisavoas, que resistiron unha guerra civil e ergueron o futuro coas súas propias mans. O orgullo de ser quen somos”.

UNHA VIAXE SONORA CON RAÍZ E TERRA

Musicalmente, ‘Orgulho’ (Galunk Producións, 2026) mantén a esencia da banda e reforza o seu vínculo coa tradición: é quizais o seu traballo máis vertixinoso, o que se vive como unha viaxe continua, sen descanso. “Volvemos abrazar os cantos populares, e neste disco latexan con máis forza ca nunca. Hai raíz, hai terra, hai herdanza. Por iso o orgullo non é só un concepto: é o fío condutor de todo o álbum”.

O resultado é un LP cohesionado, directo e pensado tanto para a escoita completa como para o directo, onde a enerxía do grupo atopa a súa máxima expresión. A ilustración de portada é de Iago Comedeiro.
A saída deste novo álbum de Rebeliom do Inframundo vén acompañada polo videoclip dun dos cortes do disco, ‘Cantos da Taberna’, dispoñible desde o 26 de febreiro, ás 14.30 horas, na canle de YouTube da banda.

Está pasando!