“Reboiras. Acción e corazón” leva á pantalla un retrato fiel, construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política

22 Setembro 2020

Os días 26 e 27 de setembro Cinexpo Pontevedra proxectará Reboiras. Acción e corazón, unha longametraxe escrita e dirixida por Alberte Mera.

Reserva de entradas en galicine.es


Reboiras. Acción e corazón leva á pantalla un retrato fiel, construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que con el partillaron diversas etapas da vida. Ademais, a obra revive a través de secuencias de ficción as últimas horas de Xosé Ramón Reboiras Noia e inclúe filmacións históricas.

A memoria de Reboiras constrúese con:

  • Testemuñas: entrevistas a persoas que coñeceron persoalmente a Reboiras e partillaron con el vida persoal e/ou política.
  • Recreación de momentos claves.
  • Material de arquivo xa existente e documentos recollidos a través do traballo de investigación.

Moncho Reboiras

Na madrugada de 12 de agosto de 1975 é asasinada a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza.

Xosé Ramón Reboiras Noia, con só 25 anos, sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.

O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este será o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.

+info. en reboiras.gal

Está pasando!