Participantes na Carreira Infantil da Ostra 2025 | Concello de Soutomaior

Récord de participación na Carreira Infantil da Ostra

31 Marzo 2025

  • 500 crianzas participaron na Carreira Infantil da Ostra celebrada no Peirao de Arcade
  • Unha cita que, un ano máis, contou cunha carreira inclusiva, adaptada e que tamén visibilizou a súa parte máis solidaria coa presenza da Asociación Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia)

Éxito de participación na Carreira Infantil da Ostra, que onte se celebrou en Arcade, con éxito de asistencia e coa participación de 500 crianzas. Trátase dunha carreira pedestre que se realizou por categorías de idade, con percorridos adaptados e trazado na área recreativa do Peirao de Arcade.

O obxectivo principal desta cita é a celebración da festa do pobo a través dunha proba deportiva valorando sobre todo a compoñente social e participativa, representada con premios a todas e todos os participantes. Ademais neste 2025 o evento deportivo centrouse no entorno do paseo do peirao de Arcade.

Trátase, como xa dixemos, dunha carreira que ten como obxectivo a participación, non é competitiva, independentemente do nivel de rendemento acadado. Todo os participantes recibiron o mesmo agasallo como recoñecemento o seu esforzo. Todas e todos recibiron unha medalla e unha mochila coa súa merenda e unha botella, ademais dunha libreta e un chaveiro de Galicia sabe Amar.

Unha carreira organizada polo Concello de Soutomaior e que contou coa colaboración e participación da Deputación de Pontevedra, da Consellería do Mar, contou coa presenza de dúas food truck de Galicia Sabe Amar, colaboraicón tamén de Abanca e CaixaBanjk, e que estivo cofinanciada polos fondos da Unión Europea.

Ademais, é a segunda edición na que se realiza unha carreira inclusiva, que responde á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada quen. O percorrido realizouse co acompañamento de persoas familiares ou amigas e con persoas voluntarias. Tamén é o segundo ano que se fai unha carreira adaptada porque adecuouse a proba ás necesidades de cada persoa. Deste xeito, a persoa participante con diversidade funcional con necesidades especiais, puido realizar un percorrido exclusivo de aproximadamente 150 metros. Unhas medidas incluídas dentro do programa “Soutomaior Inclusivo”.

Os primeiros en arrancar esta carreira da Ostra foi a Carreira Inclusiva cun percorrido de 150 metros, a continuación foron as máis pequenas e pequenos da casa os Biberón B que correron acompañadas e a acompañados unha distancia de 50 metros, seguidos dos Biberóns A pequenas e pequenos que correron xa sós una distancia de 150 metros, Premenxamíns 300 metros, Benxamíns 400 metros, Alevíns 500 metros e a categoría de Infantís, os últimos en saír, percorreron 600 metros.

Nesta edición tamén falamos dunha carreira solidaria, xa que se proporcionou a visibilidade e posibilidade de colaborar coa Asociación Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia). Esta Asociación contou cun stand onde se proporcionou información sobre esta enfermidade e as vías de colaboración con esta entidade.

Dende o concello, o alcalde, Manu Lourenzo, agradeceu a participación e colaboración nesta carreira e dixo que con ela queda claro que Soutomaior e as súas veciñas e veciños apostan polo deporte.

Está pasando!