Redondela abre o prazo de inscrición para o concurso da Festa dos Maios

8 Abril 2024

  • A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que os protagonistas desta festa son “os propios veciños e veciñas de todas as idades, que de xeito colaborativo realizan os maios tradicionais e artísticos, preparan as coplas e interprétanas para deleite de todo o público”
  • Logo do éxito de participación do ano pasado, con 29 agrupacións, o Concello confía en igualar ou mesmo superar esta marca “porque esta tradición tan redondelá está máis viva ca nunca”
  • O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de abril para as asociacións e colectivos que desexen participar no concurso, tanto no rexistro do Concello de Redondela como na sede electrónica

Redondela celebrará a chegada do mes das flores coa tradicional Festa dos Maios. O remate do frío inverno e o comezo da primavera motivan nesta data unha celebración popular e moi antiga en diferentes puntos de Galicia, na que Redondela é un referente.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que a celebración non se limita á exposición de fermosas esculturas elaboradas con elementos naturais, “senón que é unha xornada na que a veciñanza de todas as parroquias se achega á vila para compartir un día de festa, ledicia e retranca”.



O 1 de maio os protagonistas desta festa son “os propios veciños e veciñas de todas as idades, que de xeito colaborativo realizan os maios tradicionais e artísticos, preparan as coplas e interprétanas para deleite de todo o público”, sinala Pérez Táboas. No concurso que organiza o Concello de Redondela premiaranse as mellores figuras segundo a súa tipoloxía, e tamén as composicións das coplas.

A concelleira fai un chamamento á participación, logo de que o ano pasado a festa batera marcas con 29 agrupacións. “Este ano queremos seguir sumando maios e coplas, e seguro que así será porque esta tradición tan redondelá está máis viva ca nunca”. Conos e cruceiros, que son as estruturas enmarcadas na categoría de maio tradicional, compartirán espazo cos maios artísticos, de temática e forma libre, onde o único límite é a imaxinación dos participantes.

O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de abril para as asociacións e colectivos que desexen participar no concurso, tanto no rexistro do Concello de Redondela como na sede electrónica.

O Concello, que destina unha axuda de 100 euros a cada maio que se presente ao concurso, outorgará tamén un total de 12 premios repartidos a razón de 3 en cada unha das categorías: Premio ás coplas, Premio á interpretación, Premio ao maio tradicional, e Premio ao maio artístico. Todos eles teñen as mesmas contías económicas cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro premio de 200 euros.

Está pasando!