Presentación das Festas da Coca 2025 | Concello de Redondela

Redondela aposta pola tradición, artistas locais e música de calidade para celebrar a Festa da Coca

6 Xuño 2025

  • As alfombras florais e as danzas das Espadas e as Penlas serán as protagonistas desta festa, que contará tamén con grandes concertos como os de Heredeiros da Crus, Grande Amore, Panorama City ou o espectáculo infantil e familiar de Uxía Lambona e a Banda Molona.
  • Manuel Conde, presidente do Grupo Casa Paco e cunha longa traxectoria fomentando no fútbol base, será o pregoeiro das festas da Coca. Co gallo das festas tamén se organizan viaxes en barco con visita guiada á illa de San Simón os días19, 21 e 22 de xuño.

Do 18 ao 22 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca, onde a tradición e a mellor oferta musical van da man. O Concello de Redondela ofrece unha ampla programación con cinco días de festexos onde as tradicionais danzas das Espadas e as Penlas serán as protagonistas xunto coas alfombras florais.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, sinala que a esta tradición secular “súmase unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van desde a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Heredeiros da Crus e o Grupo América, pasando polas grandes orquestras con Panorama City e verbenas”.

O mércores 18 os concertos correrán a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela e a orquestra Panorama City. O xoves 19, festividade da Coca en Redondela, as citas serán co grupo Uxía Lambona e a Banda Molona, para público infantil e familiar, e a orquestra Marbella.

Rock Redondela

O tradicional certame Rock Redondela que se inclúe na programación da Festa da Coca ofrece este ano unha xornada con cinco concertos e máis de 7 horas da mellor música rock. Será o venres, 20 de xuño, no Campo da Feira, desde as 19.30 horas con entrada de balde.

Nesta ocasión son os redondeláns Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën os que subirán ao escenario para animar ao seu público. A mítica banda galega Heredeiros da Crus, que actuará a media noite, presentará o seu último álbum “Trankimasin”. América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos con dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 para pechar o festival.

Na xornada do sábado 21 os concertos comezarán ás 22.00 horas con Gran Parada, para dar paso ás 01.00 a Grande Amore. O trío formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Grep presentará o seu disco “III”, avalado polo público e a crítica. O pica discos Rodri Vegas completará a oferta musical da noite.

Xa o domingo 22 as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra Olympus.

A alcaldesa, Digna Rivas, salienta tanto a calidade da programación musical como “a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que estarán presentes en toda a programación, xa que Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como as novos valores da música local”.

A Coca de Redondela | Concello de Redondela

Homenaxes a alfombristas, bailaríns e relevo das Penlas

A Festa da Coca comezará o mércores, día 18, ás 18.00 co desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón.

A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Manuel Conde Docampo. Coñecido como “Manolo Casa Paco”, é un referente no mundo do fútbol base en toda a bisbarra, e destaca pola súa activa implicación nas actividades culturais e tradicionais de Redondela.

A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, e as homenaxes ás persoas que traballaron nas alfombras florais e aos bailaríns da Danza das Espadas, antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.

Danza das Espadas e das Penlas | Concello de Redondela

Danza das Espadas e as Penlas

Os actos do xoves, festividade da Coca, comezarán ás 11.00 co traslado da Virxe “A Gabacha” da Igrexa de Vilavella á Igrexa de Santiago de Redondela, acompañado pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Redondela.

Ás 12:00 será o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas Son do Castro.

A Misa Maior será tamén ás 12:00 na Igrexa de Santiago de Redondela. Ás 13:00 horas será a procesión polas rúas, decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza da Constitución.

O domingo, 22 de xuño, o desfile da Coca será tamén ás 12.00 cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas.

Tamén ás 12:00 será a misa na Igrexa de Vilavella, coa posterior procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais e acompañada pola Danza das Espadas e das Penlas, coa Banda de Música de Chapela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.

Deporte na rúa

O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao. O domingo será a quenda da patinaxe con “Patina na rúa” ás 19.00 na pista da Xunqueira.

Viaxes á illa de San Simón

Co gallo da Festa da Coca os días 19, 21 e 22 organízanse viaxes en barco á illa de San Simón con visita guiada ao prezo de 6 euros por persoa. Haberá saídas desde o peirao do museo Meirande e desde o porto de Cesantes. Poden mercarse as entradas no museo Meirande (986 458 891), na oficina de turismo de Redondela (986 401 713) e en crucerosangel.com

Está pasando!