Entrega de Premios no Entroido 2023 | © Concello de Redondela

Redondela celebra un gran Entroido do 10 ao 17 de febreiro con catro días de festa

26 Xaneiro 2024

  • A celebración do Entroido comezará o sábado 10 con obradoiros infantís na Alameda Castelao e unha festa nocturna no campo da Feira “nunha xornada chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez
  • O Martes de Entroido a programación inclúe o concurso de disfraces, actuacións musicais e a queima do Meco. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional en Redondela “que reúne a grupos de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”

O sábado 10 de febreiro comezan as celebracións do Entroido en Redondela. Os nenos e nenas serán os primeiros en poder gozar desta festa, xa que pola tarde haberá obradoiros para eles na Alameda de Castelao entre as 17.00 e as 19.30 horas. As rúas da vila encheranse de música e cor co espectáculo ‘Psychodelia’, de Troula Animación, con marionetas e unha bicicleta xigantes, moita animación e a participación do púbico polas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.

Pola noite, logo do éxito do ano pasado, o Entroido deste 2024 repetirá a festa do sábado noite no campo da feira. A concellería de Cultura ten preparada “unha xornada festiva chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez. A festa comezará a partires das 21.00 horas e contará cos actuacións dos grupos La Patrulla, con versións de pop rock español, ás 23.15 horas Estopaos e o seu tributo a Estopa e ás 00.30 horas sesión DJ co redondelán Rodri Vegas. “Será un gran comezo do Entroido para animar á veciñanza nunhas festas que son unha tradición en Redondela, onde se vive esta celebración dun xeito moi especial”, sinala a concelleira de Cultura Rita Pérez.

O día 11, domingo de Entroido, ás 17.00 horas terá lugar a concentración das comparsas no Campo da Feira. A animación musical comezará ás 17.30 horas da man de Latexo Percusión e ás 18.00 horas fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila. Ás 20.30 horas será a entrega de premios.



O 13, Martes de Entroido, é un día grande en Redondela, coa participación de veciños e veciñas de todas as idades. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia desta xornada tan tradicional nas festividades de Redondela “que reúne a peñas de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa, por iso desde o Concello poñemos todo da nosa parte para que sexa un día moi especial cheo de actividades”.

Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.

Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas e as rúas contarán con moita animación da man da Batucada Brassica Rapa, unha brass bands feminina cun espectáculo moi variado con grandes éxitos do pop, a música tradicional galega, o jazz ou bandas sonoras de películas.

Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco co espectáculo “Lume” de Troula Animación e festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música da discoteca móbil de La Duendeneta na rúa Alfonso XII.

O sábado día 17 nesta xornada celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas sairán ás 17.00 horas do alto da Encarnación cos percusionistas de Aperta. A comitiva do Enterro do Berete sairá ás 18.00 ata a praia de Arealonga, onde se fará a queima. Ás 20.45 horas comezará a música coa discoteca móbil no paseo de Cardona.

Está pasando!