Redondela inaugura o sábado 6 de marzo a exposición ‘Conquistadoras’

2 Marzo 2021

O Concello de Redondela inaugurará, este vindeiro sábado 6 de marzo, ás 12:00 horas fronte á Casa do Concello, a exposición ‘Conquistadoras’ unha mostra que busca poñer en valor, a través de nomes e caras de mulleres galegas, o esforzo que fixeron por abrir camiños antes pechados á muller e a súa loita por acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Na inauguración da mostra estarán presentes familiares das mulleres redondelás que protagonizan boa parte da mostra. O formato elixido para esta exposición é o de grandes cubos que, en cada unha das súas caras, amosan a foto da protagonista acompañada dunha breve semblanza biográfica.

O formato permite darlle á mostra un caracter itinerante xa que a intención da Concellería de Igualdade, como sinala a alcaldesa Digna Rivas “é que ao longo do ano esta exposición poida percorrer todo o municipio e que a veciñanza coñeza ás mulleres que, ao longo do tempo, fixeron historia na loita pola igualdade de dereitos”.



Durante todo mes de marzo, a mostra estará en Redondela para, no mes de abril, instalarse no paseo marítimo de Chapela. A previsión é que en maio poida estar en Cesantes e logo percorrer o resto de parroquias do municipio.

A mostra, organizada pola Concellería de Igualdade, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, forma parte do programa de actividades que se desenvolverá con motivo do 8-M, algunhas das que, como esta exposición, subliña a alcaldesa redondelá, “estenderanse ao longo de todo o ano porque a reivindicación da igualdade nin pode nin debe quedar cinguida a un só día, senón que ten que ser un traballo constante durante todo o ano”.

Está pasando!