Redondela quenta motores para un Entroido con catro días de festa

22 Xaneiro 2024

A concellería de Cultura abre a inscrición para os concursos de comparsas en Redondela e Chapela, que serán o día 11 e 17 de febreiro, respectivamente. O prazo está aberto ata 2 de febreiro no caso das Comparsas de Redondela e do 19 de xaneiro ao 9 de febreiro no caso do Enterro do Berete de Chapela.

A celebración do Entroido comezará o sábado 10 con obradoiros para nenos na Alameda e animación infantil. Pola noite a concellería de Cultura ten preparada no campo da Feira “unha xornada chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez. O martes de Entroido, día grande de festa en Redondela, terá lugar a tradicional queima do Meco. A alcaldesa Digna Rivas confía en que moitas a agrupacións e comparsas se inscriban nos concursos “logo do éxito de participación do Entroido do ano pasado tanto en Redondela como en Chapela”.

O prazo de inscrición permanecerá aberto páxina web do Concello de Redondela ata 2 de febreiro no caso das Comparsas de Redondela e do 19 de xaneiro ao 9 de febreiro no caso do Enterro do Berete de Chapela.

O Concello destinará un total de 10.500 euros para o desfile de comparsas e disfraces distribuídos tanto en premios como en axudas ás agrupacións que participen nos desfiles. Así, no apartado de axudas, destinará 300 euros ás comparsas que teñan entre 26 e 55 compoñentes; 400 euros aos que conten entre 56 e 80 compoñentes e 500 euros ás formacións que conten con máis de 80 compoñentes.

As categorías nas que se pode participar nos desfiles serán as de Comparsa –agrupación de máscaras nun número superior a 25 persoas–, Mocidade –comparsa que teña o maior número de mozos e mozas menores de idade á data da actuación–, Retranca –comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade dentro dun marco de respecto e educación–, Inclusión e diversidade –comparsa con maior número de participantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %–, Grupo –agrupación de máscaras nun número de entre 3 a 25 persoas–, Parella –dúas máscaras– e Individual.

No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á mocidade, á retranca é a inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.

O Entroido de Redondela ofrece premios tamén para os grupos, parellas e disfraces individuais que participen o martes 13 de febreiro nun desfile que terá lugar na rúa Alfonso XII diante dos soportais do Concello.



Enterro do Berete en Chapela

No que ao Enterro do Berete fai referencia, e que terá lugar o sábado 17 de febreiro, o prazo de presentación será ata o 9 de febreiro. O Concello destina un orzamento de 3.000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.

Tanto no desfile de Redondela como no Enterro do Berete, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seu vestiario coma na súa actuación. As carrozas deberán ter unha altura máxima de 4,50 metros e un ancho máximo de 3,50 metros.

O número máximo de comparsas que participarán no desfile e que poderán recibir os premios virá determinado pola dispoñibilidade do espazo existente, e elixiranse por rigorosa orde de solicitude de inscrición no Rexistro xeral.

A alcaldesa, Digna Rivas, confía en que sexan moitas as agrupacións e comparsas que se inscriban nos concursos “logo do éxito de participación do Entroido do ano pasado tanto en Redondela como especialmente en Chapela, onde había moitos anos que non se lembraba tanta afluencia de grupos cun total de 23 comparsas”.

Festa de Entroido o 10 de febreiro con animación infantil e concertos

O sábado 10 de febreiro comezan as celebracións do Entroido en Redondela. Os nenos e nenas serán os primeiros en poder gozar desta festa, xa que pola tarde haberá obradoiros para eles na Alameda é un pasarrúas infantil a cargo de Troula. Pola noite, logo do éxito do ano pasado, o Entroido deste 2024 repetirá a festa do sábado noite no campo da feira. A concellería de Cultura ten preparada “unha xornada festiva chea de diversión, música tributo a Estopa e moitas máis sorpresas”, anuncia a responsable Rita Pérez.

A festa comezará a partires das 22.00 horas e contará con grupos musicais e pica discos “para animar aos participantes nunhas festas que son toda unha tradición en Redondela, un municipio onde o Entroido de vive dun xeito moi especial”.

Está pasando!