‘Hamelin’ | © Vanessa Rabade

Redrum Teatro continúa este xoves en Pontevedra coa xira de ‘Hamelin’, espectáculo sobre os abusos á infancia que visitará tamén A Illa, Lugo, Teo ou Verín

6 Marzo 2023

O espectáculo, dirixido e adaptado por Alex Sampayo, está protagonizada por un elenco de sete intérpretes formado por Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto


Redrum Teatro continúa este xoves 9 de marzo en Pontevedra coa xira de ‘Hamelin’, espectáculo teatral escrito polo dramaturgo Juan Mayorga que aborda o conflito dos abusos sobre a infancia.

O Teatro Principal acollerá a función ás 21.00 horas dentro do ciclo teatral Ponteatro. As entradas anticipadas xa están á venda a través da plataforma dixital de Ataquilla.

A montaxe, que se estreou hai dúas semanas con grande éxito en Santiago de Compostela, visitará tamén nas próximas semanas os escenarios do Auditorio Municipal da Illa de Arousa (1 de abril), do Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (20 de abril), o Auditorio Constante Liste de Teo (28 de abril) e o Auditorio Municipal de Verín (6 de maio).

Alex Sampayo encárgase da dirección e mais da adaptación deste ‘Hamelin’ en galego que conta cun elenco conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. A axudantía de dirección recae en Laura Míguez, mentres que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e o espazo sonoro, de Fernando Epelde. O ‘Hamelin’ de Redrum conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica e do Concello da Illa de Arousa, que acolleu a Redrum para os seus ensaios.

Esta será a segunda ocasión que a compañía adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois de traer á nosa lingua ‘O mozo da última fila’, Redrum escolle agora ‘Hamelin’, obra de 2005 pola que o dramaturgo recibiu o Premio Max ao mellor autor teatral.


‘Hamelin’ | © Vanessa Rabade

Os abusos na infancia

‘Hamelin’ é unha proposta escénica pon o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a cativada. Unha obra de grande atracción que fai partícipe o público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais.

En ‘Hamelin’, Mayorga aborda o tema da pederastia cunha sutil linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios. O dramaturgo aposta así por un espectador activo que imaxine máis aló do que se amosa en escena.



Redrum Teatro

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (‘Moito Conto’, ‘Roedores’, ‘A nena que quería navegar’ ou ‘Contos do recreo’) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a que será a súa décimo sexta montaxe, Redrum Teatro escolle ‘Hamelin’, de Juan Mayorga.

Está pasando!