‘Remando ao vento. A figura como paisaxe e emoción’, nova exposición na Casa dos Alonso da Guarda

12 Xuño 2023

O vindeiro venres 16 de xuño inaugurase na Casa dos Alonso da Guarda a exposición ‘Remando ao vento. A figura como paisaxe e emoción’. Esta mostra incorpora a obra pictórica de Carmen G. Sobrino, doutora en Belas Artes e profesora da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) xa retirada e sobre todo veciña da Guarda. A artista quixo amosar un extracto da súa obra aos seus veciños e por iso propón esta exposición na que se quere centrar no mundo das emocións. Así entende ela o arte como a plasmación das sensacións que lle produce a interacción coa xente, coa contorna, coa vida en definitiva.

Cunha vinculación moi grande cara a vila da Guarda, Carmen G. Sobrino que fixo a súa vida fora desta vila, quixo volver para establecer aquí a súa residencia tralo seu retiro profesional. Unha vinculación que está moi unida á arte pois garda un gran recordo dos veráns da súa infancia, cando se afeccionou á pintura da man da súa avoa e dos seus primos. Segundo nos relata, sempre houbo unha forte presencia da arte na súa familia, presencia que se fixo nela cada vez mais grande ata o punto de decantarse polos estudos de Belas Artes e montar a súa carreira profesional.

Carmen G. Sobrino convida aos seus paisanos a achegarse entre o 17 ao 28 de xuño, ou o mesmo 16 de xuño, no horario da inauguración, a coñecer a súa obra acudindo cunha predisposición a deixarse levar, acudir sen idea previa preconcibida pero predisposta á emoción, ás sensacións e por enriba de todo a partillar estas sensacións con ela, que estará presente na sala, querendo facer desta proposta unha “performance” participativa.

A inauguración será ás 20:30 horas do venres 16 de xuño, e a mostra poderá visitarse a partir do día seguinte 17, no seguinte horario: De luns a venres de 10:00 a 13:30 horas, sendo atendido polas tardes só os xoves, venres e sábados, entre as 19:00 e 20:30 horas.


Está pasando!