Exposición de Maquetas Patrimonio Cultural | © Concello de Poio

Román Rodríguez e Ángel Moldes inauguran en Poio as exposicións ‘Arias Xidas’ e ‘Maquetas do Patrimonio Cultural’

17 Xuño 2024

As obras do alumnado da Escola de Canteiros de Poio e do veciño de Combarro, José Manuel Magdalena, poden visitarse ata o 8 de xullo no Mosteiro de Poio


O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, inauguraron o pasado sábado, 15 de xuño, as exposicións ‘Arias Xidas’, con obras do alumnado da Escola de Canteiros de Poio, e ‘Maquetas do Patrimonio Cultural’, coa obra de José Manuel Magdalena Otero, e que se poden visitar no Mosteiro de Poio ata o 8 de xullo.

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que elixir o Mosteiro de Poio para recuperar a exposición do alumnado da Escola de Canteiros non é casualidade, ao recordar os inicios do centro. “É volver á orixe para dar un paso moi importante cara o seu futuro.

Este é un ano moi especial, a escola vai sufrir unha transformación”, sinalou en alusión á súa conversión nun centro de formación profesional con catro novas titulacións. “A escola vai gañar en excelencia e calidade, estou convencido de que se vai converter nun centro de referencia a nivel nacional”.


Exposición ‘Arias Xidas’ | © Concello de Poio

Con respecto á exposición de maquetas, Moldes recordou que un día leu unha entrevista a José Manuel, na que presumía de ter exposto en Sanxenxo, Pontevedra e outros municipio da provincia, pero que tiña unha espiña cravada por non telo feito no seu concello. “Contactei con el e puxémonos a traballar, e hoxe inauguramos esta exposición de moitísima calidade e o facemos nunha contorna incomparable”.

José Manuel Magdalena é veciño de Poio e comezou a facer maquetas hai aproximadamente 15 anos. Reproduce monumentos do patrimonio cultural, principalmente de Poio, dunha forma creativa. Conta con máis de 50 maquetas realizadas en cortiza e outras técnicas e inclúe reproducións de igrexas, hórreos, cadros, cruceiros…



‘Arias Xidas’ amosa algunhas das obras en pedra e escaiola dos e das estudantes da Escola de Canteiros de Poio, un centro de ensinanzas único no mundo, con máis de 40 anos de traxectoria formando en Poio aos mellores profesionais da pedra.

A exposición inclúe un total de máis de 50 obras. Trátase de pezas en pedra, en escaiola, en morteiro e debuxos sobre papel.



As dúas exposicións pódense visitar ata o vindeiro 8 de xullo, de luns a sábado de 10.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas (festivos fechado).

A entrada é gratuíta para as persoas empadroadas en Poio, que poden retirar os seus convites na Casa do Concello, no Pazo de Besada, no Casal de Ferreirós ou na oficina de turismo de Combarro.

Está pasando!