Presentación da II Festa da Castaña | © Concello de Poio

San Martiño acollerá esta fin de semana a segunda edición da Festa da Castaña

9 Novembro 2022

O lugar de San Martiño, na parroquia de San Xoán, acollerá esta vindeira fin de semana a segunda edición da Festa da Castaña, unha iniciativa que, logo da súa gran estrea en 2021, volve de novo neste 2022 a través da organización da Concellería de Festexos. O edil titular da área, Xosé Luís Martínez (BNG), acompañado polas concelleiras nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, deu a coñecer os detalles dunha cita que quere consolidarse como unha das actividades de referencia no outono poiense.

Tal e como explicou Martínez Blanco, porase a disposición dos e das asistentes máis de 200 quilos de castañas, ademais de viño, que poderán degustarse de xeito gratuíto. A festa dará comezo ás 20.30 horas e a degustación estará amenizada pola Escola de Música Tradicional de Poio. Ademais, a partires das 22.00 horas continuará a programación cun concerto a cargo do Trío Musical Arena. Ao igual que na edición de 2021, está previsto que se habilite unha carpa nas inmediacións da capela de San Martiño para acoller o evento.

Xosé Luís Martínez amosa a súa satisfacción pola resposta que tivo esta Festa da Castaña en 2021, a pesar de que “estivo moi condicionada polas restricións sanitarias derivadas a pandemia da COVID-19. Esta é a primeira edición que poderemos celebrar con normalidade e agardamos que sexa un éxito”. O evento segue a tradición do magosto que en anos anteriores organizaba a Asociación de San Martiño. Neste sentido, o responsable de Festexos salienta a implicación do tecido asociativo de Poio á hora de organizar degustacións de castañas ao longo de todo o mes de novembro. Os primeiros magostos tiveron lugar a pasada fin de semana en Lourido e Samieira e foron todo un éxito.

Unha vez se celebre a II Festa da Castaña, estas citas terán continuidade ata finais de mes. Así, o sábado 19 de novembro as inmediacións da igrexa parroquial de San Salvador acollerán o magosto organizado pola Asociación Cultural San Salvador. Nesa data tamén está proxectada a degustación de castañas no lugar de Vilariño e na explanada da Seca. Esta última estará organizada pola Asociación de Veciños Boureante. As últimas citas terán lugar os días 26 e 27 de novembro, respectivamente, cos magostos ofrecidos pola Asociación Cultural e Veciñal Ronsel, no lugar de Sartal (San Xoán), e polo Ateneo Corredoira de Combarro.

O Concello de Poio colabora na organización destas actividades e estima que, en total, se consumirán máis de 600 quilos de castañas.

Está pasando!