San Roque ofrece 50 actos en 5 escenarios principais nun ambiente de seguridade

10 Agosto 2021

San Roque 2021 xa está aquí e o fai nun contexto de pandemia que obriga, como o ano pasado, a tomar as máximas precaucións en canto a aforos e outras medidas de seguridade. Non haberá actos multitudinarios como a Festa da Auga, o Combate Naval, o desfile de Carrozas ou a Festa da Ameixa, pero si ata cincuenta actos pensados para todos os públicos, incluídos unha ducia de concertos que tocan case todos os estilos. 

O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, foron os encargados de presentar o programa, que comezará oficialmente o venres 13, co pregón do plantel do Arousa, SC como homenaxe aos 75 anos do club e o éxito desta tempada, no que logrou o ascenso á Segunda División RFEF. Con todo, antes do 13 xa haberá actos de rúa e tamén despois do 22, cando tamén oficialmente se pecha San Roque 2021.

O alcalde apelou a que nas actuais circunstancias haberá que seguir sendo prudentes, malia o avance da vacinación. Pero aínda así, subliñou, se deseñaron multitude de actos que pretenden chegar a todos os públicos e a boa parte dos principais lugares do municipio. A cultura, dixo, é segura e segue sendo moi necesaria, “precisamos levantar o ánimo”. Por iso, o rexedor pediu que “todo o mundo”, veciños e visitantes, respecte as normas. Tampouco deixou pasar a oportunidade para agradecer publicamente a Xosé Vizoso, un dos principais deseñadores de Galicia e un dos artífices da marca Sargadelos, que realizara o cartel deste ano.

Pola súa banda, Sonia Outón destacou que, malia as restricións impostas polo covid, as rúas acollerán ata 50 actividades que abranguen dende cine na rúa a concertos, unha romaría no Alobre, e a maxia, o circo e o humor da man do Festaclown, que un ano máis volverá a ser un dos principais reclamos de San Roque. Para iso, e para garantir a maior seguridade, as festas se centrarán en cinco espazos principais, con independencia de que se levarán actos a diversos lugares do municipio.

A Xunqueira será o escenario principal dos concertos, con aforo acoutado (500 espectadores) e reserva previa, que se abrirá o martes 3 de agosto, ás 08:00 horas, na plataforma www.woutick.es. A concelleira recomendou a todo aquel que queira acudir aos concertos que chegue media hora antes para facilitar o control de asistencia.

Como se sabe, no cartel de San Roque figuran grupos como Inmaculate Fools, un clásico do pop/rock dos 80 que acaba de sacar novo disco, ademáis de grupos e solitas como Fuel Fandango, Funzo&Baby Loud, Lucía Pérez, Álvaro de Luna e Baiuca. A cota local estará representada por TNT, a Banda de Cámara Arousa, Chaladura Rock, Catuxa Salom, Perseguidor e Wigga.

O segundo espazo principal será a praza da II República, xunto ao auditorio e o parque Miguel Hernández. Aquí se desenvolverán a maior parte dos espectáculos do Festaclown, cuxa programación xa se pode consultar en festiclown.org

A praza de Ravella, pola súa banda, acollerá un espectáculo infantil; a Alameda, un concerto dun grupo local, Catuxa Salom; e o Castriño, por fin, a romaría do Folk de Alobre que organiza a asociación Pesdebarro coa colaboración do Concello.

Sonia Outón tamén gabou a honra que supón que Xosé Vizoso teña realizado o cartel de San Roque 2021, co que Vilagarcía entra no “selecto club” dos concellos de Galicia que tiveron a fortuna de contar cunha peza deste prestixioso deseñador.

Descarga o programa completo das Festas de San Roque 2021 aquí.


Está pasando!