Convento de Santa Clara | © Concello de Pontevedra

O Convento de Santa Clara será incorporado á cidade de Pontevedra para uso público

6 Maio 2021

“Hoxe é un día histórico para esta cidade” asegurou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a comparecencia na que confirmou que o Concello “ten encarrilada a compra” do convento de Santa Clara, tras pechar un preacordo económico verbal por 3,2 millóns de euros.

A compra inclúe, segundo explicou o rexedor, o inmoble (edificacións, zonas verdes e muro perimetral) e non atinxe aos bens mobles, como retablos ou o órgano, cuxo destino aínda está sendo obxecto de negociación.

“Humildemente teño que dicir que unha operación desta envergadura só a pode levar a cabo un goberno con experiencia, estabilidade e solvencia” indicou Fernández Lores, ao tempo que salientou que “en 22 anos, este é un dos anuncios que máis orgulloso me fai sentir como alcalde porque traballamos pola cidade, polo ben común, pola conservación do patrimonio e melloramos os equipamentos para os pontevedreses e pontevedresas”.

© Atlantis Comunicación

Tamén tansmitiu, por encargo da congregación das Clarisas e da Igrexa, “que están moi ilusionadas de que o convento pase a mans públicas e quede para uso e desfrute da cidade de Pontevedra”. Neste sentido, o alcalde cualificou a compra de Santa Clara como “unha gran operación urbanística á altura da que puido ser a mediados de 1800, da man de Sesmeros, cando incorporou a Alameda e as Palmeiras á trama urbana”.

© Atlantis Comunicación

Sobre o proceso de compra, explicou que se trata dun “proceso administrativo regrado que comezaremos nestes días e poderá ter unha duración duns meses”, que o pagamento se realizará nun pago único e que se trata dunha contía axustada a prezo de mercado. Fixo fincapé en que “é un acordo moi bo para Pontevedra” e informou que “a negociación foi dura e firme polas dúas partes”, ao tempo que aproveitou para felicitar ao concelleiro Xaquín Moreda e ao avogado representante das Clarisas por levala a bo
termo.

Lembrou que, por parte do Concello, a negociación comezara a finais de 2017 e que, desde entón “foi pasiño a pasiño” e sempre co obxectivo de “liderar a recuperación do patrimonio arquitectónico e ambiental do convento de Santa Clara como espazo de uso público”.

Xa a finais de 2017, o propio Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo anterior concelleiro de Patrimonio municipal, Vicente Legísima, se desprazara a Compostela para reunirse coas responsable das Clarisas, un proceso que despois continuaron, no presente mandato, a concelleira Anabel Gulías e o concelleiro Xaquín Moreda.

© Atlantis Comunicación

O alcalde referiuse ao “futuro” situando en seguintes fases “a negociación sobre os bens mobleis, como os retablos da igrexa ou o órgano, que a nós nos gustaría que quedaran na cidade de Pontevedra”. Sobre este punto, explicou qe as Clarisas aínda non tomaron unha decisión sobre a súa posible venda ou traslado e que, no caso do traslado, tamén será necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Tamén anunciou que paralelamente ao proceso administrativo da compra, se comezará a traballar nun estudo en profundidade, tanto topográfico como taquimétrico e histórico-arqueolóxico que “nos ten que dar as claves de a que podemos dedicar este equipamento, que ten que ser público, ao servizo dos pontevedreses, e para o que non desbotamos negociacións con outras administracións, especialmente coa Deputación provincial”.

Santa Clara en cifras

• Superficie intramuros de: 12.606 m2

• Superficie edificada: 5.417 m2

• Planta baixa: 2.722 m2

• Planta primeira: 2.105 m2

• Segundo andar: 590 m2 en dúas naves.

• Escaleiras, xardíns e rampla exteriores: 241 m2

• Ben Catalogado:

• É un ben catalogado con protección e conservación monumental.

• Segundo recolle a ficha do catálogo municipal, o Convento foi fundado en 1271 e renovado no século XIV.

• Os seus fundadores serían Pedro Rodríguez e Teresa Páez de Sotomayor.

• A súa calificación urbanística é equipamento: usos administrativos, cultural, recreativo, sociosanitarios…

Está pasando!