Presentación das Festas de Santa Rita 2024 | © Concello de Vilagarcía

Santa Rita desprégase en 2024 con cinco días de festa e diversión para todo tipo de públicos

6 Maio 2024

  • Vilagarcía abre en maio a temporada oficial de festas coa celebración de Santa Rita
  • Como este ano o festivo local do 22 de maio cae a metade de semana, o programa de 2024 será dos máis longos dos últimos tempos, con cinco xornadas repletas de actividades e diversión para todo tipo de públicos
  • Tradición e modernidade danse a man nun programa no que o ambiente da romaría popular convive co fervor relixioso, o concerto da banda indy Siloé co da Banda de Música, a Feira Celta cos postos das rosquillas e pulpeiras da romaría en Vista Alegre, o deporte co son das gaitas e a procesión coas verbenas

O alcalde de Vilgarcía de Arousa, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, presentaron o pasado venres, 3 de maio, o programa de festas de Santa Rita que se desenvolverá do sábado 18 ao mércores 22 de maio. Cinco días que se suman á xornada tamén festiva do 17 de maio, Día das Letras Galegas, na que tamén están previstas diversas actividades culturais.

Outón destacou que as festas de Santa Rita contan este ano con tres concertos. O sábado 18 celebrarase, a partir das 20.00 horas no Auditorio, “Unha Noite de Cine”, o espectáculo da Banda de Música de Vilagarcía. Cun ambiente evocador inspirado nas películas que se exhibían nos cines Cervantes, Fantasio, Arosa e, máis recentemente, nos Minicines V, o director da Banda, Jesús Nogueira, explicou que a formación interpretará temas de films clásicos como ‘Lo que el Viento se Llevó’, ‘Apolo XIII’ ou ‘Ben Hur’, ilustrados con fragmentos das películas. A entrada é libre e de balde.

O segundo concerto terá lugar ese mesmo día, a partir das 23.00 horas no Parque da Xunqueira, e será o que ofrecerá Siloé, a banda indy de maior proxección no actual panorama musical nacional. Tamén é de balde.

E o terceiro, celebrarase o domingo 19 no barrio do Piñeiriño, a partir das 13.00 horas, no marco do ciclo Ágora Vermú. Os protagonistas serán Fla-meco, o grupo galego especializado en rumbas e musica alegre e desenfadada.

As verbenas son, de sempre, unha tradición no cartel de Santa Rita. O deste ano ábrese o domingo 19 coa orquestra París de Noia, unha das formacións de máis renome e que apostan polo espectáculo máis novidoso. O día 21 amenizará a velada La Fórmula, unha formación radicada en Vilagarcía, de onde son moitos dos seus integrantes. E os amantes das verbenas de corte máis clásico e onde o baile é o que máis prima, terán a súa cita o día 22 con Los Satélites.

A Feira Celta ocupará o parque da Xunqueira os cinco días festa, cos tradicionais postos de venta e con animación musical, xogos infantís, pasarrúas, vodas celtas e moitas máis actividades ao longo de cada xornada.

Os grupos de gaitas e de música tradicional do municipio serán os encargados de animar as rúas da vila en sesións de mañá e tarde, e os máis cativos da casa, o público infantil, volverán ter un espazo reservado no Festivaliño on The Road, a caravana de proxección de curtametraxes infantís que se instalará entre as rúas Baldosa e Valentín Viqueira durante as tardes do domingo 19 e o mércores 22 de maio.

O programa festivo complétase unha variada oferta de actividades deportivas que comezan coa Copa de España de Tenis de Mesa que se desenvolverá en Fexdega o 18 e 19 de maio. Aínda que xa fora do programa propiamente dito, o sábado 25 desenvolveranse tamén o III Torneo Santa Rita de Rugby 7, o II Torneo Santa Rita Balonmán na Rúa 5×5, o II Torneo Ediños de Fútbol e o II Trofeo Santa Rita de Vela clase cruceiros.


Está pasando!