Sanxenxo converterase no epicentro da música latina en Galicia da man de Juan Luis Guerra, Elvis Crespo e Gente de Zona

27 Marzo 2026

  • O 12 de xullo, o Campo de Fútbol de Baltar reunirá tres nomes fundamentais da música latina contemporánea, encabezados por Juan Luis Guerra, nunha noite construída arredor de cancións que forman parte da memoria colectiva
  • Xunto a el, Elvis Crespo e Gente de Zona completan o cartel, conectando dous momentos clave da música latina: o estoupido global do merengue a finais dos noventa e a expansión do son urbano na última década
  • As entradas estarán á venda o lunes 30 de marzo ás 12:00 horas a través de entradas.com

O verán en Sanxenxo ten os seus propios códigos, e poucas veces se aliñan arredor dun concerto desta escala. O 12 de xullo, o Campo de Fútbol de Baltar converterase no epicentro da música latina en Galicia coa presenza de Juan Luis Guerra, Elvis Crespo e Gente de Zona. Non é só unha suma de artistas, senón unha noite construída sobre un repertorio que o público recoñece antes incluso de que comece a soar.

A presenza de Juan Luis Guerra marca o sentido da cita. O artista dominicano tiña ganas de volver a Sanxenxo despois do pasado verán, onde a resposta do público deixou claro que a súa música segue ocupando un lugar propio. O seu directo, acompañado pola súa banda habitual, 4.40, mantén unha coherencia pouco habitual: non precisa reinventarse porque nunca deixou de funcionar. Cancións como ‘Bachata rosa” ou ‘Ojalá que llueva café’ non operan desde a nostalxia, senón desde unha vixencia que se sostén no escenario, na forma de dicilas e no xeito en que o público as fai súas.

Desde finais dos anos oitenta, Juan Luis Guerra redefiniu o alcance da bachata e do merengue, levándoos a espazos onde antes non chegaban. A súa formación musical —paso por Berklee incluído— tradúcese nunha maneira de construír cancións onde a aparente sinxeleza está atravesada por unha estrutura moi precisa. Esa combinación de sofisticación e proximidade explica que o seu repertorio atravesase xeracións sen perder sentido, mantendo intacta a súa capacidade de convocatoria.

Xunto a el, Elvis Crespo chega nun momento distinto ao doutras etapas da súa carreira. Tras máis de dúas décadas de traxectoria, o artista puertorriqueño volve situarse no centro coa súa proposta recente, ‘Poeta Herío’, un proxecto no que revisita o merengue desde unha mirada actual, incorporando colaboracións con artistas de diferentes xeracións e ampliando o seu rexistro máis alá do repertorio clásico. Se Suavemente marcou un punto de inflexión na difusión global do xénero a finais dos noventa, o seu directo actual funciona como unha continuidade dese impulso, mantendo o ritmo como eixo e a conexión co público como punto de partida.

Completa o cartel Gente de Zona, o dúo cubano formado por Alexander Delgado e Randy Malcom, protagonistas dunha das expansións máis recentes da música latina a nivel internacional. A súa traxectoria está ligada a esa apertura do son urbano latino cara a audiencias masivas, con temas como ‘Bailando’ —xunto a Enrique Iglesias— ou ‘La gozadera’ —xunto a Marc Anthony— que consolidaron un formato de canción pensado para a circulación global. En directo, a súa proposta sostense nunha idea clara: ritmo continuo, transicións sen pausa e unha relación directa co público.

A reunión destes tres nomes en Sanxenxo dá forma ao maior evento latino do verán en Galicia. Non como unha suma de actuacións illadas, senón como unha noite cun pulso propio, construída arredor de cancións que levan anos formando parte da vida de quen as escoita e que atopan no directo un lugar onde volver suceder.

As entradas estarán á venda o luns 30 de marzo ás 12:00 horas a través de entradas.com.

Está pasando!