Sanxenxo propón un entroido telemático cun concurso de parodias e un mostrario de disfraces escolares

4 Febreiro 2021

Sanxenxo non quere renunciar á tradicional celebración do Entroido, pero a situación sanitaria actual obrigou á Concellería de Cultura a realizar unha programación diferente na que se dará protagonismo á creatividade dos centros educativos, as asociacións e os veciños nas redes sociais municipais durante a semana do 15 ao 21 de febreiro.

Co obxectivo de incentivar a participación, convocarase un concurso, “Confiparodias, feito na casa”, con vídeos de máximo 1 minuto, e no que se repartirán un total de 2.100 euros en vales que deberán ser investidos no comercio e a hostalaría local. “Trátase de manter unha tradición, adaptandoa a actual realidade, premiando a creatividade, pero tamén de colaborar co tecido económico do municipio”, explica a concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago. Estableceranse dúas categorías, Infantil, para menores de 13 anos, e Adulto e Mixto, con dúas modalidades diferentes, individual ou parella e tres ou máis persoas, sempre que se cumpran as actuais medidas sanitarias.

A avaliación dos mellores vídeos e, por tanto, os premiados decidiranse por un xurado cun único premio especial por modalidade “Único Premio Xurado” e poloa “Gústame” que obteñan no Facebook. O prazo de inscrición ábrese o próximo 8 de febreiro ás 09:00 horas e concluirá o mércores 17 ás 08:00 horas. Os participantes só poderán presentar un vídeo por modalidade que deberán enviar ao departamento de Cultura ao correo electrónico culturaterra@sanxenxo.org. O formato deberá ser Mov ou mp4 e a temática será libre. Os vídeos exporanse no Facebook municipal para a súa visualización e valoración desde o día 18 até o día 21 ás 12 horas cando se pecharán as votacións. As bases do concurso colgaranse na web do Concello e compartiranse nas redes sociais.

Os centros educativos tamén participarán neste Entroido telemático. Desde o día 15 até o 21 colgaranse álbums fotos e vídeos das actividades realizadas nos distintos colexios que axudarán a manter viva a celebración e a mostrar a creatividade e esforzo das comunidades educativas.

Tampouco faltarán as chiscadelas ás celebracións máis retranqueiras do Entroido. As organizacións do Enterro dá Sardiña, Enterro dá Cabra e a Festa do Ghato atópanse en plena preparación de vídeos e imaxes que se colgarán no Facebook municipal coincidindo coas datas tradicionais dos eventos o 17, 19 e 20 de febreiro.

Cartaz Entroido Sanxenxo 2021

Está pasando!