Elena Torres na presentación do programa Sanxenxo en Festas 2024 | © Concello de Sanxenxo

Sanxenxo vivirá once días de festas protagonizadas por música, tradición e animación na rúa

22 Agosto 2024

Sanxenxo prepárase para vivir once días de festas protagonizadas por música, tradición e animación na rúa. A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, presenta un programa “pensado para o desfrute de todos os públicos” que arrinca o 24 de agosto con dous concertos ‘Herdanzas da Nosa Terra’, ás 19:00 horas, coa Banda de Música de Sanxenxo e o Grupo de Baile Soalleira na Praza do Pazo. Pola noite, a partir das 22:00 horas a Praza do Mar acollerá o concerto de Luis Fercán.

O domingo, 25 de agosto, Día de San Ginés, Sanxenxo celebra o Día do Turista cunha sardiñada no recinto portuario con máis de 500 quilos de sardiñas a partir das 12:00 horas. Unha hora antes, na contorna da igrexa poderase gozar da Feira de Produtos Artesáns. Ás 13:30 horas a Praza de Pascual Veiga acolle o tradicional concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Xa ás 19:00 horas, celebrarase a misa e procesión con tirada de lumes en honra a San Xenxo. Ás 21:00 horas, a Asociación Abiñadoira actuará na Praza de Pascual Veiga. A partir das 22:30 horas, celébrase a verbena coa Oca Band e Claxxon.

O martes, 27 de agosto, a Praza dos Barcos acollerá o espectáculo ‘Ópera Breaks’ que mestura ópera, breakdance, beatbox e DJ. O 28,29 e 30 de agosto, volverán un ano máis as xornadas de Sanxenxo na Historia que este ano cambiarán de localización e trasládanse á Sala Nauta. A Praza dos Barcos acollerá o 30 de agosto o concerto Black Stones, a partir das 22:00 horas. O sábado 31, na mesma localización, ás 20:00 horas, celebrarase o espectáculo ‘Acrocircus’ a cargo de Tchyminiagua.


[PDF] PROGRAMA FESTAS SANXENXO 2024


O luns 2 de setembro a xornada estará dedicada aos máis pequenos. A praia de Silgar convértese no epicentro da diversión infantil cunha festa de inchables, de 11:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas. A partir das 12:00 no Paseo de Silgar haberá xogos populares. Ás 19:00 horas, Troula achega ao Paseo de Silgar o Mundo do Circo.

O martes, 3 de setembro, a partir das 12:00 horas comezará a homenaxe á cebola, produto estrela da horta de Sanxenxo cun showcooking a cargo do Obradoiro de Hostalería do Salnés na Praza de Pascual Veiga. Ás 21:00 horas, a Banda de Música de Sanxenxo ofrecerá un concerto na mesma localización. A partir das 21:30 horas, terán lugar dous concertos, un na Rosa dos Ventos, ás 21:00 horas, El 4º sentido, e outro, Raúl e CÍA, no Paseo dous Barcos, ás 23:00 horas. Ás 22:00 horas, procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía.

O mércores, 4 de setembro, Día de Santa Rosalía, a xornada comeza con pasacalles e alboradas de Abiñadoira e a Banda de Música de Sanxenxo que coincidirá ás 10:00 horas coa apertura dos postos da XLII Feira da Cebola no recinto portuario. A partir das 12:30 horas celebrarase o acto de entrega de premios das Cebolas de Ouro e ás 13:30 horas, a Praza de Pascual Veiga acollerá o tradicional concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19:00 horas, celébrase a misa e procesión coa ofrenda da Danza de Riofrío a cargo de Abiñadoira. Ás 22:00 horas, comeza a procesión nocturna para recoller a imaxe da Virxe do Carmen. A verbena, a partir das 22:30 horas, correrá a cargo de París de Noioa Show e Los Player’s. Ás 24:00 horas terá lugar o espectáculo pirotécnico na praia de Silgar.

O xurado, presidido polo alcalde e a concelleira de Cultura, con representantes de colectivos das sete parroquias reuniuse esta semana para decidir as Cebolas de Ouro 2024 que se darán a coñecer nos próximos días. Haberá talleres infantís e de cosmética de cebola con agasallos para os participantes.

O xoves, 5 de setembro, coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, a xornada comezará con pasacalles e alboradas de Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 13:00 horas, a Praza de Pascual Veiga acollerá un concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19:00 horas celebrarase a misa e procesión marítima en honra á Virxe do Carme. A partir das 22:30 horas, a Praza do Mar terá lugar a verbena con Kubo e Los Satélites.

Está pasando!