Setembro chega ao Rosal cargado de actividades para todos os gustos

1 Setembro 2022

O Concello pon en marcha unha programación na que haberá humor, maxia, danza, literatura e monicreques


O Rosal despide o verán cunha programación cultural pensada para todas as idades e para todos os gustos. O Concello xa ten listo para o mes de setembro un amplo programa cultural no que o humor, a maxia, a danza, a literatura e os monicreques serán os grandes protagonistas. “Este mes gozaremos con cinco actividades coas que encher de lecer o noso municipio e coas que, de novo, levar a cultura aos barrios”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A axenda cultural comezará este mesmo sábado 3 de setembro co humor e a retranca de Os netos do Rosal, unha tarde de comedia cos rosaleiros Ángel e Iker ás 20.00 horas no auditorio municipal.

A vindeira semana haberá sesión dobre. Osábado 10 de setembro será a quenda de Cayetano Lledó, que se converterá en Sherlock Holmes nun espectáculo teatral con comedia, maxia e moito humor para descubrirnos o caso do diamante Patterson. Será ás 20.00 horas no auditorio municipal. O domingo 11 de setembro a programación cultural leva a danza á Praza do Maio de Tabagón coa actuación da Asociación Ghorghalado e ‘A nosa música. O noso baile’. Será a partir das 11.15 horas.

Por outra banda, o sábado 16 de setembro a Biblioteca municipal acollerá ás 20.00 horas a presentación de ‘Aldea Buxán’, o último libro do escritor Francisco Álvarez, Koki. A programación rematará o venres 30 de setembro cunha actividade para público infantil no parque do Sobreiral: ‘Xela contra o dragón’, de Títeres Cachirulo, a partir das 18.00 horas.


Está pasando!