Silvia Penide | © Cris Pontanilla

Silvia Penide celebrará o seu 20º aniversario sobre os escenarios e o Día das Linguas de Signos este 23 de setembro cun concerto inclusivo no Teatro Principal de Pontevedra

20 Setembro 2023

A cantautora presentará o seu novo vinilo, ‘Mientras dura el aplauso’, acompañada pola súa banda ao completo e unha intérprete de lingua de signos


A cantautora Silvia Penide chega a Pontevedra este sábado, 23 de setembro, para presentar o seu último traballo discográfico, ‘Mientras dura el aplauso’, no marco da xira do seu 20º aniversario sobre os escenarios. A cita será no Teatro Principal, ás 20:30 horas, e as entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com

O directo de Penide, no que contará coa súa banda ao completo, será unha dobre celebración. Por unha banda, a que corresponde a estas dúas primeiras décadas de traxectoria musical. Por outro, o Día Internacional das Linguas de Signos. Así, a creadora ofrecerá un directo inclusivo no que estará acompañada por unha intérprete de lingua de signos.

‘Mientras dura el aplauso’ é o primeiro vinilo de Silvia Penide na súa carreira. Cunha tirada limitada de 250 exemplares numerados a man, a cantante e compositora presenta este 2023 un resumo especial dalgúns dos grandes momentos que viviu sobre os escenarios nestas últimas dúas décadas. Faio, ademais, rodeada de grandes voces da escena musical galega e española. Así, temas dos seus anteriores traballos discográficos, como ‘Reventaba’, ‘El efecto boomerang’ ou ‘Descredo’, soan agora máis especiais, se cabe, con colaboracións como as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel ou Javier Álvarez, respectivamente. Neste novo álbum, Silvia Penide tamén comparte as súas cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez ou Guadi Galego, con quen reinterpreta ‘El salto’ (publicada inicialmente en ‘El efecto boomerang’, en 2019), e que se converteu no primeiro single do novo LP.



O álbum, mesturado e masterizado por Arturo Vaqueiro, inclúe un tema inédito, ‘El colchón y el diván, no que Silvia Penide convida o público “a quitarse a culpa que ás veces unha ten encima”. Como broche de ouro, ‘Mientras dura el aplauso’ péchase con ‘Diferentes Diferenzas’, o tema que nace do libro homónimo escrito a cantautora e que neste caso conta coa colaboración, nos coros, de membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña.

O vinilo ‘Mientras dura el aplauso’ está á venda, unicamente, en formato físico. Na Coruña, está dispoñible nos establecementos Psicodelia (Nova, 25) e A tenda de Marián (avenida Novo Mesoiro, 30). En Arteixo, o disco pódese adquirir en Café Cultural Melandrainas (Nicaragua, 4) e en Peluquería Manuel Campos (avenida Fisterra, 18). En Santiago de Compostela, o vinilo está á venda en Trisquel Artesanía (Acibechería, 31) e, en Vigo, en PickUp Discos (Progreso, 31). A Madrid chegará proximamente (Escridiscos. Las Navas de Tolosa, 4); e, para o resto de localidades da península e Baleares, pódese solicitar a través de silviapenide.com

Está pasando!