Sílvia Pérez Cruz presentará o seu novo traballo no Auditorio Mar de Vigo

9 Maio 2023

  • Posuidora da que quizais sexa a voz máis fermosa, versátil e libre das últimas décadas, a artista catalá actuará o vindeiro 24 de xuño no Auditorio Mar de Vigo
  • Presentará, nunha única data en Galicia, “Toda la vida, un día”, o seu traballo máis ambicioso ata a data, no que Sílvia pecha e abre etapas a partes iguais
  • As entradas estarán dispoñibles a partir de mañá mércores, 10 de maio, ás 12.00 horas, a través de www.teuticket.com

A música e a arte formaron parte da vida de Sílvia Pérez Cruz dende que era nena: por unha banda, o seu pai Castor Pérez, foi un dos máis influentes músicos de Habaneras do noso país, e a súa nai, Glòria Cruz, unha poetisa que compuxo xunto ao pai a peza “Vestida de Nit”, que no futuro converteríase nun dos temas máis fermosos gravados pola propia Sílvia.

Con este ambiente cultural, a inclinación cara a música foi alimentada desde a súa mocidade e levouna a ser o que é hoxe, unha artista que presentará o vindeiro 24 de xuño (21.00 horas) no Mar de Vigo o seu sétimo traballo de estudio, “Toda la vida, un día”, onde repasa as etapas da vida, desde o nacemento ao “renacemento”, pasando pola mocidade, a madurez e a vellez.

Xa desde os 12 anos, a artista catalá dedicábase a acompañar a seu pai en pequenos concertos na taberna “La Bella Lola” mentras cursaba estudos musicais desde os 4 anos. Estudos que cursou ata facerse profesional chegando a colaborar con artistas como Jorge Drexler, Joaquín Sabina, Macaco ou Kiko Veneno, entre outros.



Agora, uns cantos anos despois de publicar o seu primeiro traballo en solitario, “11 de novembre” (2012), Sílvia reaparece co seu álbum máis ambioso ata a data, “Toda la vida un día”, que representa unha nova etapa na súa carreira. Este disco leva xestándose desde 2020 e o seu xerme foi un poema de William Carlos William: “Aterrados / buscan una flor familiar donde guarecerse / y les asusta la inmensidad del campo”.

En palabras da propia Sílvia, este poema compuxo a columna vertebral do disco e da súa vida, “ordenar a inmensidade flor a flor”. A portada vén dunha historia sobre un samurái que escoitou hai anos. O samurái, antes de cometer suicidio, compuxo un haikú con forma de círculo. Esta imaxe leva na cabeza de Sílvia desde os 18 anos, e parece que por fin atopou o lugar no que encaixala.

Este álbum, composto por 21 pezas nas que colaboran artistas como Natalia Lafourcade, Liliana Herrero, Salvador Sobral ou Rita Payés, conta diversas historias e á vez representa unha vida enteira: o círculo que empeza e se pecha, e consta de 5 movementos/momentos: a infancia, a procura dos sons, madurez, a idade adulta e o último, o renacemento.

Así, estamos ante unha obra conceptual cuxa escoita seguida enriquécese ao comprender a historia que Sílvia Pérez Cruz presentará o vindeiro 24 de xuño no Auditorio Mar de Vigo ás 21.00 horas. As entradas estarán dispoñibles a partir de mañá mércores, 10 de maio, ás 12.00 horas, na páxina web de www.teuticket.com

Está pasando!