Mira Foron | Orquestra Vigo 430

Sinerxias 430 estréase cunha viaxe pola historia musical chea de contrastes emocionais en Vigo

19 Setembro 2025

O I Festival Internacional de Música de Cámara, organizado pola Orquestra Vigo 430, ofrecerá esta fin de semana dous concertos con grandes artistas mundiais na cidade olívica


Unha viaxe emocional a través de seis concertos temáticos destinados a todos os públicos. Así se pode definir o novo festival que chega a Vigo esta fin de semana da man da Orquestra Vigo 430.

Sinerxias 430 é un ciclo de música de cámara internacional – máis outras iniciativas complementarias – que contarán coa participación de prestixiosos artistas internacionais xunto con músicos do Ensemble da formación viguesa. Serán seis “auténticas leccións vivas da historia, xeografía e sensibilidades da música”, apunta o director artístico, Javier Escobar.

O festival dará comezo este sábado día 20 de setembro cun directo de balde na Concatedral de Sta. María – Colexiata – de Vigo as 21:00 horas.

Continuará o domingo 21 de setembro no Auditorio Martín Códax, as entradas están dispoñibles de Ataquilla a un prezo de cinco euros máis gastos de xestión.

Viaxe pola historia do violonchelo e a música de cámara

O concerto do sábado contará coa colaboración de tres grandes intérpretes internacionais: o violonchelista Yibai Chen, Mira Foron co seu violín e a Carla Guillén á viola. Baixo o título de ‘Monólogos e diálogo’ este concerto propón “un fascinante percorrido pola historia do violonchelo e da música de cámara”, asegura Escobar.

O programa componse de catro obras mestras que semellan afastadas entre si, pero que van entretecendo un fío narrativo que levará ao público dende o Barroco ata o Romanticismo, pasando polo virtuosismo decimonónico e a procura dunha voz propia no século XX.

Programa:

  • Gaspar Cassadó: Suite para violonchelo só (1926) – Reivindica a tradición popular cunha voz moderna.
  • Alfredo Piatti: Capriccioso sopra un tema della “Niobe” di Pacini, Op. 22 – Converte o violonchelo nun solista de paixón operística.
  • Johann Sebastian Bach: Chacona da Partita nº 2 en re menor, BWV 1004 (transcrición para violonchelo) – Ofrece unha obra intemporal, reinventada a través da transcrición.
  • Johannes Brahms: Sexteto para cordas nº 1 en si bemol maior, Op. 18 – Redefine o xénero camerístico cunha creación chea de forza e beleza.

“Da monumental Chacona de Bach, que transcendeu o seu instrumento orixinal para atopar nova vida no violonchelo, pasamos ao refinado nacionalismo musical da Suite de Cassadó, á espectacularidade operística do Capriccioso de Piatti, e culminamos coa riqueza sinfónica do Sexteto nº 1 de Brahms. Un auténtico diálogo a través do tempo, onde tradición e modernidade se responden mutuamente”, explica Escobar.

Travesía entre a bruma e o lume

Pola súa banda, o directo do domingo 21, que comezará ás 12:00 horas no Conservatorio Superior de Música de Vigo, ofrecerá unha travesía de contrastes emocionais: “Unha viaxe pola evolución da música de cámara para violín e piano ao longo de máis de século e medio”, indica Escobar.

Contará coa participación de Mira Foron ao violín, Jorge Suárez no violonchelo e Anthony Sintow-Behrens ao piano.

Programa:

  • Antonín Dvořák (1841–1904) – Trío “Dumky” para violín, violoncello e piano, Op. 90 – O termo «dumka» designa unha canción popular de orixe ucraína caracterizada pola alternancia entre pasaxes melancólicas e outras cheas de vitalidade. . Dvořák ofrece unha música chea de contrastes emocionais, «feliz e triste» ao mesmo tempo, na que o lirismo convive cunha enerxía rítmica inspirada no folclore.
  • Ludwig van Beethoven (1770–1827)- Sonata para violín e piano en mi bemol maior, Op. 12 n.º 3 – Esta sonata mostra a personalidade poderosa e singular de Beethoven. Dedicada a Antonio Salieri, sorprendeu aos contemporáneos polas súas modulacións audaces e polo seu estilo pouco convencional.
  • Francis Poulenc (1899–1963) – Sonata para violín e piano, FP 119 – Composta en plena ocupación nazi de Francia (1942–43) e dedicada á memoria de Federico García Lorca, a sonata de Poulenc é tanto unha homenaxe como un acto de protesta.
  • Franz Waxman (1906–1967) – Fantasía de Carmen – A fantasía recolle temas da ópera de Bizet e reorganízaos nun espectáculo de virtuosismo puro, sen pasar pola versión de Sarasate. O resultado é unha obra que exemplifica como a cultura popular —cine e radio— podía inserir novas creacións no repertorio de concerto.

Desde o Romanticismo tardío de Antonín Dvořák e o Clasicismo de transición de Ludwig van Beethoven, pasando polo Neoclasicismo intenso de Francis Poulenc, ata a ousadía cinematográfica de Franz Waxman, cada obra funciona como un elo dunha cadea narrativa.

En conxunto, estas composicións ilustran a transformación da linguaxe musical, a evolución da forma sonata e, sobre todo, a relación entre violín e piano: dunha xerarquía inicial a un diálogo de iguais, ata desembocar na fusión sen prexuízos de estilos.

Máis que un ciclo de concertos

Ademais dos directos de música, Sinerxias 430 contará cunha serie de actividades paralelas. Realizarase o I Concurso de Música de Cámara para novos intérpretes, dirixido ao alumnado dos Conservatorios Superiores de Galicia.

Este certame busca crear unha ponte entre os espazos formativos e os escenarios profesionais, ofrecendo ao intérprete gañador a oportunidade de participar como artistas convidados na seguinte edición do festival.

Ademais, o festival ten previsto a celebración de clases maxistráis para os alumnos dos conservatorios superiores así como unha mesa redonda sobre as mulleres compositoras titulada «Mulleres compositoras: un relato esquecido ou unha historia por contar?».

Está pasando!