© Festival Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia 2022 celebrarase do 22 ao 24 de xullo na illa de San Simón

19 Abril 2022

  • O festival, que festexa a súa 20º edición, ofrecerá tres xornadas de directos, contacto coa natureza e propostas musicais de vangarda no corazón da Ría de Vigo

A Illa de San Simón acollerá o vindeiro mes de xullo un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Sinsal SON Estrella Galicia celebrará entre o 22 e o 24 de xullo unha nova edición do festival, cuxo cartel, como é habitual, será secreto ata que o público desembarque na illa redondelá.

O festival Sinsal SON Estrella Galicia festexa neste 2022 a súa vixésima edición. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas emerxentes e próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo.

Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas.

Neste 2022 Sinsal contará con tres xornadas de música ao vivo, contacto directo coa natureza e unha viaxe en barco, de ida e volta, desde o litoral ata San Simón. A illa é o cabeza de cartel da cita: alén da espectacular emprazamento, é unha xoia patrimonial desde o punto de vista medioambiental e histórico; pois San Simón foi inspiración na lírica medieval, lazareto no século XIX e campo de concentración na guerra do 36.

Está pasando!