Concerto de KASE-O no SonRías Baixas | © Óscar Corral

SonRías Baixas recibe o premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing nos Iberian Festival Awards

28 Marzo 2022

O festival, organizado pola promotora pontevedresa PlayPlan, recibe por segunda ocasión un galardón dos IFA, logo do Premio á Excelencia 2020 a Jordi Lauren, codirector do evento, como personaxe máis relevante  da industria dos festivais de España e Portugal

O festival pontevedrés SonRías Baixas, que este ano celebrará unha nova edición os días 4,5 e 6 de agosto en Bueu, suma un novo recoñecemento á súa traxectoria. O evento vén de ser galardoado nos Iberian Festival Awards co Premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing.  

Os Iberian Festival Awards recoñecen o traballo e logros de promotoras, eventos, artistas e marcas que conforman a industria de festivais en España e Portugal. O galardón que suma este ano SonRías Baixas foi outorgado, en anteriores ocasións, a citas peninsulares como Dreambeach Festival (2020), Low Fest (2019), Sonorama Ribera (2018), Resurrection Fest (2017) e Primavera Sound (2016). Este Premio sitúa ao evento promovido pola promotora pontevedresa PlayPlan Cultural como unha das propostas máis relevantes do panorama musical estatal e portugués.

“A comunicación no SonRías Baixas é un dos eixes principais do festival e entendemos que, arredor da mesma, xira practicamente todo: a transmisión de medidas de seguridade, especialmente nestes dous últimos anos, a atención ao público, a escoita activa,  ou a promoción de bandas emerxentes e consolidadas son partes da mesma”, expoñen Jordi Lauren e Berta Domínguez, responsables da dirección do evento.

“O éxito do SonRías nestes últimos tempos non foi só a asistencia de público, senón tamén a capacidade de tecer rede e conectar con todas e cada unha das persoas asistentes coas medidas e estratexias de comunicación trazadas. Aplicamos políticas de igualdade, de sustentabilidade, de reciclaxe, alianzas con marcas e provedores ou difundimos o turismo do noso territorio”, salientan Lauren e Domínguez, que sinalan que este “é un importante recoñecemento ao traballo de todo un equipo”.

Os Iberian Festival Awards outorgáronse o pasado sábado, 26 de marzo, nunha gala celebrada no Auditorio Lispolis de Lisboa, no marco da celebración do Talkfest – International Music Festivals Forum. Este é o segundo galardón dos IFA que recibe SonRías Baixas, logo do Premio á Excelencia 2020 outorgado ao codirector do evento e xerente de PlayPlan Cultural, Jordi Lauren, como personaxe mais relevante da industria dos festivais en España e Portugal.


Concerto de La MODA no SonRías Baixas | © Óscar Corral

SONRÍAS BAIXAS 2022 

SonRías Baixas é un dos grandes eventos de música ao vivo no verán en Galicia. Neste 2022 o Festival SonRías Baixas recupera o seu gran formato para presentar unha ampla, festiva, dinámica e potente programación que terá lugar a primeira fin de semana de agosto, concretamente os días 4, 5 e 6 en Bueu (Península do Morrazo). Os primeiros nomes confirmados do cartel desta edición son Kase.O JazzMagnetism, Tanxugueiras, Rayden La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas. As entradas e os abonos xa están á venda na páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info  

Está pasando!