Presentación de ‘Sons de Outono’ | © Concello de Pontevedra

‘Sons de Outono’ achegará a Pontevedra da man do Seminario Permanente de Jazz o mellor do jazz, funk, soul e rock do país

21 Novembro 2024

  • Acoustic Solar, David Taboada Trío, Froján e Brass Atlantic serán os grupos escollidos para dinamizar a cidade e sorprender aos/ás viandantes
  • Os concertos terán lugar os sábados 23 e 30 de novembro e 7 e 14 de decembro ás 12:00 horas na Praza da Peregrina
  • No caso de choiva, a ubicación das actuacións mudará ao palco da música da Alameda

O edil de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou xunto a Luis Carballo do Seminario Permanente de Jazz o ciclo ‘Sons de Outono’ que botará a andar este sábado 23.

O concelleiro quixo destacar “o importante que é para a cidade, que conta cunha enorme cultura musical, contar co Seminario Permanente de Jazz polo que pasaron e están a pasar grandes músicos/as. Neste ciclo, que terá lugar durante os 4 próximos sábados ás 12:00 horas na Praza da Peregrina ou no palco da música da Alameda se chove, faremos un achegamento ao mellor Jazz (e tamén Soul ou Rock) do país”.



Pola súa banda Luis Carballo quixo “agradecer ao Concello o apoio e colaboración nestes 25 anos que cumprimos o ano que vén. Cada vez o Seminario recibe máis músicos chegados de fóra de Pontevedra, que están a facer ou fixeron carreira musical ou en eidos relacionados coa música. É importante que Pontevedra sexa tamén nisto un referente. Con este ciclo pretendemos achegar a música as rúas, dinamizar a cidade e sorprender a que camiña pola rúa e atopa un concerto. Comezou baixo o nome de ‘Outono de Jazz’ máis mudamos a ‘Sons de Outono’ para dar cabida a outras músicas, xa que aínda que o Jazz será o protagonista, contaremos co rock do grupo Froján, que vai subir os decibelios”.


Sábado 23 de novembro ás 12h. na Praza da Peregrina – Acoustic Solar

Creado no ano 2024 por alumnos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, o «Acoustic Solar Trio» é un grupo formado por Luis Felipe Fernández Alfonso (saxo alto), Javier Abraldes (guitarra) e Berto Rial (contrabaixo).

O groso do seu repertorio confórmano os standards clásicos do jazz, pero amén inclúe versións jazzísticas de música de influencia funk, góspel e soul.


Sábado 30 de novembro ás 12h. na Praza da Peregrina – David Taboada Trío

Trío formado por tres músicos moi novos, coa presenza da contrabaixista cubana Judit Almeida, todo un referente no jazz galego actual, o pianista Mateo Sestelo e o baterísta David Taboada, dous xovencísimos músicos pontareáns que están chamados a ser referentes deste estilo musical en Galiza.


Sábado 7 de decembro ás 12h. na Praza da Peregrina 12h. – Froján

Froján é poesía autodestructiva en equilibrio coa forza do rock alternativo. Unha banda nova con ganas de facer sentir aos seus oíntes as historias de vida que albergan as súas cancións. Asentados na cidade de Pontevedra, acaban de publicar o seu segundo disco, ‘Reflexos’, producido por Kolibrí Díaz (guitarrista de Marea) nos ‘Estudos R5’ (Iruña).

Ademais do especial coidado posto nas letras, con influencias da poesía de Kutxi Romero ou Robe Iniesta, conseguen crear un estilo propio fusionando detalles barrocos e clásicos co son das bandas de referencia do rock estatal.

  • Miguel Froján: voz e guitarra
  • Robert Beade: guitarra
  • Sergi Outeiral: baixo eléctrico
  • Óscar Mourelos: batería

Sábado 14 de decembro ás 12h. na Praza da Peregrina – Brass Atlantic

Brass Atlantic é unha banda de instrumentos de vento e percusión que naceu de modo espontáneo no ano 2022 da man dun grupo de amigos e experimentados músicos de jazz. Nesta agrupación se reflicte en certo modo a profunda influencia das primeiras brass bands americanas ata ás máis actuais.

Este ensemble aborda un repertorio variado, lembrando ás bandas de Nova Orleáns, no que se aprecian estilos tan dispares coma o dixieland, o swing, o blues, o jazz, o soul ou o funk.

  • Rosolino Marinello: saxo alto
  • Sarunas Pupelis: saxo tenor
  • Ginés Guerra: trombón
  • Lolo Martínez: tuba
  • Noli Torres: batería
Está pasando!