Charo Bouzón, concelleira de Asociacións | Concello de Soutomaior

Soutomaior comeza a celebración das Letras Galegas homenaxeando a ‘Maruja da Cregha’, referente da música tradicional galega

30 Abril 2025

Este sábado, 3 de maio, Soutomaior abre a celebración das Letras Galegas homenaxeando a ‘Maruja da Cregha’, tocadora de pandeiro de Cortellas (Soutomaior). Unha figura indispensable para a cultura e a música tradicional polo seu legado como cantareira e tocadora


O Concello de Soutomaior presenta, dende a área de Normalización Lingüística, o inicio da celebración das Letras Galegas. Unha celebración que deu a coñecer a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, que comezará este venres 2 de maio e que se centrará no sábado día 3 coa homenaxe a ‘Maruja da Cregha’ de Cortellas.

O venres 2 de maio terá lugar o obradoiro de construción dun pandeiro cadrado, no cal as persoas participantes irán adquirindo coñecemento a medida que os poñen en práctica para construír e rematar o pandeiro que levarán consigo ao finalizar.

Un obradoiro impartido por Xosé Maceda Gallego e dirixido ao público de máis de 12 anos. Desenvolverase en horario de 19:00 a 23:00 horas na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval (Soutomaior).

Unha cita que será de balde e que contará con prazas limitadas (mínimo 8 e máximo 12). As inscricións en liña poden facerse en soutomaior.gal.



O día central desta homenaxe será o sábado 3 de maio. A xornada comezará ás 13:00 horas na Casa do Concello coa colocación da estatua en homenaxe a: María Grande Sobral ”Maruja da Cregha”, tocadora de pandeiro (Cortellas 1931-2013).

Xa pola tarde, ás 16:00 horasterá lugar o descubrimento da placa ‘Maruja da Cregha’. O punto de encontro será a súa casa natal, na aldea de Cortellas nº 28, onde, en compañía da súa familia, dende o concello de Soutomaior terán a honra de iniciar o recoñecemento expreso desta figura referente da música tradicional galega.

Ás 16:30 horas dará comezo a palestra ‘Maruja, entre pandeireteiras anda o conto’. Maruja foi unha tocadora esencial, das últimas portadoras da viva tradición de tocar o pandeiro na zona de Pontevedra. O seu legado será o fío condutor desta mesa na se falará da oralidade e música tradicional da nosa cultura.

Unha cita moderada por Vane Barreiro, veciña de Cortellas e na que participarán Xabier Díaz, músico galego. Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional; Lucía Lorenzo, editorial OQO e membro do Grupo de Baile e pandeireteiras de Soutomaior, de Cantares de Brión e do grupo Volta e Dálle; Marcelo Dobode, artista multidisciplinar en arte galego, creacións en música, teatro, danza, pintura, escultura; Isabel Blanco, cantareira de Lourido (Soutomaior) e Olalla Lomba e Begoña Fernández, o relevo das pandeireteiras de Soutomaior.

As 18:30 horas será a quenda do obradoiro de baile tradicional, onde se vai a bailar e recoñecer ritmos básicos e as estruturas do baile tradicional, así como os puntos da nosa zona. Unha cita que será de balde, sen inscrición previa e que estará impartida por Marcelo Dobode. Destinada a público xeral de máis de 10 anos.

Unha xornada especial que rematará co Serán pola Lingua, na carpa instalada en Cortellas. Dende o concello animan a todo o mundo a celebrar esta festa e a que veñan a tocar e a bailar coa mellor música tradicional. Un serán que comezará ás 20:00 horas e onde non faltarán os petiscos para as persoas asistentes.


Está pasando!