Presentación do I Encontro do Viño Colleiteiro | Concello de Soutomaior

Soutomaior presenta o I Encontro do Viño Colleiteiro

19 Maio 2025

  • O encontro terá lugar os días 31 de maio e 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz.
  • Unha cita que ten como obxectivo poñer no lugar que merece a uva albariña de Soutomaior, unha uva que tantos colleiteiros e colleiteiras levan décadas coidando e mimando.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, acompañado dos colleiteiros e colleiteiras do concello presentaron o I Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior. Unha cita que se desenvolverá o día 31 de maio e o 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz.

Trátase dunha actividade, feita con moito agarimo dende o Goberno Local, que leva sendo demandada dende hai moito tempo. Tal e como dixo nesta xornada Manu Lourenzo, “hoxe facemos un acto de xustiza cunha tradición con mulleres e homes que hai décadas que levan traballando un produto que nos fai único e que nos diferenza como é uva albariña de Soutomaior”.

Presentación do I Encontro do Viño Colleiteiro | Concello de Soutomaior

O principal obxectivo deste encontro é, da man dos colleiteiros e das colleiteiras de Soutomaior, poñer no lugar que se merece unha tradición como é a tradición de colleiteiros e viticultura de Soutomaior.

Lourenzo sinalou ademais que “se hoxe por hoxe seguirmos tendo uva albariña en Soutomaior é porque hai persoas que a traballan, que a coidan, a miman e a converten en viños dunha altísima calidade”.

Para rematar o alcalde dixo que con este encontro “nós o que queremos é facer un recoñecemento, acompañar tanto traballo e tradición e historia e citarnos a todas e a todas na fin de semana para que todos poidamos degustar e desfrutar non soamente do produto que se elabora coa nosa uva senón dunha xornada de convivencia, de compartir e de desfrutar ao lado de tanta xente e na que poidamos desfrutar un pouquiño so do agarimo e do mimo e do traballo que lle poñen a colleita na elaboración destes viños”.

Un encontro no que participarán: o Furancho Linchú (Vela), Furancho do Pazo María & Conrado (Comboa), Adega do músico (O Sobral), María Sobral (Romariz), Albariño da Baralla (O Val), A casa de Lisa (O Sobral), Irmáns Lorenzo (O Sobral), Furancho O Maroco (Alxán), Veigha do Meirolas (O Rial) e Aires do Verdugo (O Rial).

PROGRAMACIÓN

Este encontro do viño colleiteiro contará cos dous días de celebración. O sábado, 31 de maio, as casetas abriranse de 12:00 a 22:30h. Haberá espazo gastro-bar en horario de 13:00 a 16:00h e de 20:00 a 22:30h neste espazo haberá polbo, churrasco e ostras e servizo de bar con refrescos.

Ao longo da xornada haberá moitas actividades entre elas a actuación musical do grupo Algo Pasa con Mary o sábado ás 13:00h.

Xa pola tarde ás 19:00h. terá lugar a mesa coloquio ‘Soutomaior terra de viño’, onde Manu Lourenzo dará a benvida institucional e contará coa participación de Elisa Martínez Varela, colleiteira de Soutomaior; Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía desde a empresa Terroir en Botella, colaborador con bodegas de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Priorat, Valencia, traballou en Baleares, Ribera del Duero, Extremadura, Cataluña e Betanzos e leva máis de 30 vendimas en este sector e de Juanjo Figueroa, Presidente Asociación Galega de Sumilleres AGASU.

Ás 20:00h terá lugar a cata a cegas realizada polo Xurado da distinción ‘Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025’ e ás 20:30h. chegará o directo de Desconcerto.

Xa na xornada do domingo as casetas permanecerán abertas en horario de 12:00 a 16:00h. O espazo gastro – bar de 13:00 a 16:00h.

Ás 13:30h. terá lugar o peche e a entrega de diplomas e distinción oficial ‘Colleiteir@s distinguid@s, Soutomaior 2025’.

Dende o concello convidan a todas e a todos a desfrutar deste I Encontro do Viño Colleiteiro. Manu Lourenzo ten claro que “será o primeiro de moitos”.

Está pasando!