Rosana Comesaña presenta o I Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, Primavera 2025 | Concello de Soutomaior

Soutomaior presenta o I Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, Primavera 2025

7 Maio 2025

  • Este mercado desenvolverase o domingo 18 de maio na Alameda de Talo Río (Arcade) en horario de 11:00 a 20:00h.
  • O prazo de presentación de solicitudes para formar parte deste mercado está aberto ata o 14 de maio

A concelleira de Hostalería, Comercio e Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentou o I Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, Primavera 2025 que organiza o Concello de Soutomaior.

Este mercado nace coa intención de ofrecer un escaparate ás persoas e comercios para que poidan amosar os seus produtos e aumentar as súas ventas. Ten como fin dinamizar o sector económico e á vez crear ambiente de barrio, de rúa, propiciando un espazo de encontro entre a veciñanza e as persoas visitantes, para desfrutar dunha xornada de lecer e coñecer todos os recursos cos que conta o concello.

Un mercado no que poden participar comercios locais, artesáns… e, tamén, persoas que desexen vender outros accesorios de segunda man para darlles unha nova vida. Un mercado que tamén potencia a economía circular e á sostibilidade social e medioambiental ofrecendo produtos doutras tempadas que poden ser unha oportunidade.



O prazo de presentación de solicitudes rematará o mércores 14 de maio de 2025. As persoas que queiran participar deberán presentar na sede electrónica mediante instancia xeral a seguinte documentación: ANEXO 1_solicitude de participación e o DNI representante.

Unha iniciativa que pon en marcha medidas a prol do respecto polo medio ambiente, a sostibilidade e a aposta polos produtos de proximidade.

A concelleira Rosana Comesaña destacou nesta xornada que “a dinamización comunitaria é un alicerce fundamental para a construción dunha cidadanía máis comprometida cos grandes retos da Axenda 2030 e para a Axenda Urbana de Soutomaior”.

Para o día 18 de maio o Concello porá a disposición das persoas interesadas mesas para colocar os produtos e serán as persoas participantes as responsables de xestionar a venda. As persoas deberán adaptarse á distribución e mobiliario indicado polo Concello.

Para a selección das solicitudes e dos produtos ofrecidos para a venda as persoas terán en conta o espazo e que a exposición dos produtos será en mesas. Os prezos deben ser proporcionados ao tipo de produtos e á filosofía deste mercado de oportunidades e de segunda man.

Está pasando!