Susana Pedreira e Diana López Varela, pregoeiras das Festas da Peregrina 2025

Susana Pedreira e Diana López Varela, pregoeiras das Festas da Peregrina

24 Xullo 2025

As xornalistas, impulsoras do congreso referente ‘As mulleres que opinan son perigosas’, ofrecerán un discurso conxunto o vindeiro 9 de agosto, ás 12h, no balcón da Casa Consistorial


As xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela darán o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina coa lectura dun pregón conxunto dende a balconada da Casa Consistorial. Por vez primeira na historia documentada, este acto tradicional contará con dúas figuras protagonistas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou este xoves, 24 de xullo, a presentación oficial das pregoeiras. Dúas mulleres comprometidas co feminismo, loitadoras pola igualdade e donas dun talento e determinación únicos á hora de poñer en marcha un congreso convertido en referencia absoluta no seu eido, como é ‘As mulleres que opinan son perigosas’.

Susana Pedreira e Diana López Varela, pregoeiras das Festas da Peregrina 2025 | Concello de Pontevedra

Susana Pedreira é licenciada en xornalismo, unha voz habitual na nosa cidade grazas ao seu traballo en Onda Cero Pontevedra. Residente da Boa Vila desde o 2010, é un referente xornalístico no eido cultural e literario.

Pola súa banda, Diana López Varela é tamén licenciada en xornalismo e natural de Pontevedra. É unha das voces máis vivas e activas no xornalismo de opinión, destacando tamén como guionista de TV e teatro, mantendo o feminismo como eixo fundamental nos seus textos, amais de contar con dous libros publicados ‘No es país para coños’ e ‘Maternofobia’. Xunto con Susana é o outro pé e alma máter do nomeado congreso nacido no ano 2018.

«Van ser dúas pregoeiras espectaculares. A súa traxectoria ao longo dos últimos anos permite máis que xustificar a súa elección para esta tarefa», indicou o rexedor. «Son impulsoras dun congreso que pode definirse como un proxecto referente, que o Concello apoiou desde o primeiro momento, e que defende a participación das mulleres en todos eidos, especialmente nos medios de comunicación e no xénero xornalístico da opinión. Creo que non puidemos escoller mellor. Contar con elas dá prestixio a Pontevedra e ás Festas da Peregrina».

Diana López Varela agradeceu a proposta do Concello á hora de seren pregoeiras «para un acto tan especial como é a lectura deste pregón». «Somos media e media pregoeiras. É un orgullo. Compartimos desde o ano 2018 a organización de ‘As Mulleres que opinan son perigosas’, mais tamén somos amigas, amigas desde nenas, e para min Susana sempre será un referente para min. Que nos diría que hoxe poderíamos organizar ese congreso tan fermoso e poder ler este pregón?».

«Faremos un pregón feito con moito agarimo, reivindicativo e festivo, con moita retranca, para tentar facelo inesquecíbel»

Susana Pedreira, que se considera «PDC (Pontevedra de Corazón)», agradeceu tamén a dobre escolla como pregoeiras, reivindicando a «amizade entre mulleres, levándoa até ese balcón da Casa Consistorial». «Prometemos que seremos divertidas, que vai estar á altura desta cidade. Eu non nacín aquí, pero desde hai 16 anos nunca dubidei de que este o meu lugar no mundo, pois a calidade de vida que aquí atopei non a sentín en ningún outro sitio», explicou.

«Sentímonos un pouco coma Jennifer López e Shakira, como esas dúas mulleres latinas que por primeira vez actuaban na Superbowl… Para nós este pregón é como unha Superbowl. Hai que recoñecer que logo xa fomos un pouco máis Sonia e Selena, pero a nosa intención é poñer bailar a todo o mundo. Estamos moi emocionadas. É unha das cosas máis importantes que nos pasaron na vida».

Está pasando!