Tanxugueiras na comparecencia de prensa xunto ao concelleiro de Festas, Demetrio Gómez | © Concello de Pontevedra

Tanxugueiras e La La Love You pecharán por todo o alto a programación das festas de verán en Pontevedra

2 Agosto 2024

  • As afamadas galegas Tanxugueiras, subirán ao escenario o domingo 18 no lugar de Pimpininela
  • O concerto sorpresa que o público pontevedrés ansiaba coñecer desde hai semanas, resultou ser o grupo de Parla, que actuará o luns 12 na Praza de España
  • Ambos eventos terán lugar ás 22.30 horas na Praza de España con entrada libre

O concelleiro de Cultura e Festas, Demetrio Gómez presentou esta mañá dúas das data máis agardadas dentro da programación estival: o concerto sorpresa, que chegará da man de La La Love You o luns 12 de agosto e a actuación de Tanxugueiras o domingo 18 como grupo que substitúe a Pimpinela logo da cancelación da súa xira. As galegas non perderon a ocasión de estar nesta presentación e apareceron por sorpresa na comparecencia de prensa.

O concelleiro quixo primeiramente “agradecer o interese a paciencia de todas esas persoas que ao longo de semanas chamaron ao Concello, escribiron ou se dirixían a nós pola rúa para preguntar. Por fin podo desvelar que a sorpresa, o grupo que converterá a Praza de España nunha festa o luns 12 será La La Love You. Entendo polas reaccións aquí na sala de prensa que tal e como esperábamos vai ser un éxito. Seguro que esta música sen complexos que eles fan, estas melodías que se meten na cabeza e nos pés de cada un que asiste aos concertos, efectivamente van poñer bailar a toda a praza do concello.

Coa experiencia que ten esta banda despois de máis de 10 anos creo que non paga a pena convidar só aos seus seguidores senón a todos os demais porque efectivamente ímolo pasar moi ben bailando ‘El fin del mundo’ e o resto de hits que teñen.


Tanxugueiras entrando na rolda de prensa | © Concello de Pontevedra

Este ano tiñamos un concerto sorpresa e ao final, ao ter que substituír a Pimpinela, son dous. O segundo concerto sorpresa, o 18 de agosto, antes de desvelalo – porque logo vai ser complicado – quero transmitir agradecemento especial e parabéns a todo o equipo de Festas do Concello porque o traballo que fixeron coordinadamente con Secretaría, Intervención e toda a parte administrativa en xeral foi complexísimo.

Pensade que o traballo de contratar as bandas é un traballo que dura meses e houbo que facelo en menos de 10 días. Só un equipo e un Concello perfectamente engraxado pode facer isto. E ademais non só dentro da casa senón que hai que traballar con empresas externas que por certo, se puxeron á nosa disposición desde o primeiro momento porque saben que en Pontevedra temos este nivel de festas que temos.

Ademais antes de desvelar as persoas que van estar enriba do escenario porque logo seguramente non podo, quero dar un agradecemento moi especial ás persoas que van estar enriba do escenario o día 18 tanto a elas como a empresa que as leva porque fixeron un esforzó por vir, porque tiñan a xira pechada e quixeron vir a Pontevedra por ser un escenario moi especial para elas. Mellor que contárvolo eu, que pasen e falen elas: Tanxugueiras!”


Tanxugueiras na comparecencia de prensa xunto ao concelleiro de Festas, Demetrio Gómez | © Concello de Pontevedra

As ilusionadas Tanxugueiras tomaban a palabra para afirmar que “estamos moi contentas, aínda que foi moi complicado de encaixar porque xa tiñamos a xira pechada pero cando nos dixeron de tocar nas Festa da Peregrina dixemos que había que facer un oco como fora. Hai que estar aquí. Pontevedra é un lugar que nos encanta e tocar aquí aínda máis. Estivemos tocando aquí hai anos na Ferraría cando empezamos con Contrapunto e xa confiaron en nós cando estabamos na metade do proceso de Tanxugueiras entón, volver a Pontevedra é como volver a casa.

Estamos súper contentas de estar aquí e de ser unha das sorpresas. Nesta xira estamos indo moito por fóra e a verdade é que poder presentar o novo show que facemos aquí en Pontevedra, e que estamos facendo moi pouco aquí en Galicia, facelo aquí nunha praza tan importante é xenial”.

Demetrio remataba comentado que “eu creo de verdade que non podíamos ter un final mellor para as Festas da Peregrina. Seguramente se o preparásemos desde o primeiro día, teriamos escollido un final desta categoría e deste nivel. Moitas grazas por facer o esforzo de vir a Pontevedra”

Está pasando!