Tanxugueiras pechará a Xira Contrapunto o 28 de novembro no Culturgal

19 Outubro 2021

O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o último concerto das cantareiras deste 2021, cuxas entradas saíron á venda o luns 18, ás 12.00 horas, na platataforma dixital www.enterticket.es

A Xira Contrapunto chega ao seu fin. O vindeiro 28 de novembro, a partir das 18.00 horas e no marco do Culturgal, o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá un concerto especial de Tanxugueiras: o peche da xira de presentación de Contrapunto, o seu segundo álbum, xusto dous anos depois do inicio da mesma.

Contrapunto naceu como convicción: as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional. Presentouse como un segundo disco maduro, cheo de matices e renovador, no que Tanxugueiras fiou cinco relatos, cada un coa súa cara e coa súa cruz, nos que cantaron sobre o empoderamento da muller, a amizade, a deslealdade, a liberdade ou a traizón. Singles como Desposorio ou Perfidia, cuxo videoclip foi finalista dos Premios Mestre Mateo, deron boa conta da proposta do álbum, que situou ao trío no epicentro da renovación da escena trad.

Desde a publicación de Contrapunto en novembro de 2019, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro visitaron ducias de escenarios. Xa desde o inicio da xira, cunha actuación por provincia e fóra dos circuitos habituais, Tanxugueiras amosou as súas cartas: o grupo tiña unha proposta diferente e harmónica, que partía da intimidade do escenario para acadar a máxima potencia cunha grande execución vocal. Logo de visitar Mos, Burela, e Celanova, en febreiro de 2020 chegaron a Santiago de Compostela, localidade na que esgotaron todas as entradas da Sala Capitol; un ritmo que mantiveron ao encher os auditorios en Oleiros, As Pontes e Cangas. Mais a chegada da pandemia freou a xira de presentación do disco, que retomaron no TradFest compostelán, e da que deron boa conta neste 2021 por numerosas localidades de toda a península e en citas de referencia como La Mar de Músicas (Cartaxena) ou Goikoorts (Bélxica).

O domingo 28 de novembro, un día antes de que se cumpran os dous anos do concerto de presentación de Contrapunto, temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, mais desta vez as cantareiras estarán acompañadas, sobre o escenario, por grandes voces e instrumentistas da escena galega. Na cita tamén soarán algúns dos seus novo temas, como Midas ou Figa.

As entradas para o concerto especial de fin de xira saíron á venda o luns 18, a partir das 12.00 horas, a través da plataforma dixital Enterticket (15 euros máis gastos de xestión, ou 18 euros na billeteira do Pazo). Ata entón, o público poderá gozar da música de Tanxugueiras fundamentalmente fóra de Galicia, en escenarios como a a Fira Mediterrània de Manresa, o EXIB Música 2021 de Setúbal, o Womex de Porto ou a Fira Trovam de Castellón, entre outros; ainda que tamén visitarán Tui o 19 de novembro.

Nestas últimas datas, o grupo actuou en citas como as festas de San Froilán, en Lugo, ou mesmo na primeira edición de Marín é música, evento no que compartiron escenario con Rayden dando a coñecer ao público presente o avance dunha nova colaboración que se presentará nas vindeiras semanas. Precisamente o pasado venres, 8 de outubro, publicouse outra das colaboracións gravadas polas cantareiras este ano: Ràbia, un tema en galego e catalán que cantan co grupo Roba Estesa.


Está pasando!