Tanxugueiras e Juancho Marqués | © Panoramica Agency 2023

Tanxugueiras únense a Juancho Marqués no canto á amizade de ‘As que tiñan que estar’

4 Novembro 2023

Tanxugueiras estrearon onte o seu novo single, ‘As que tiñan que estar’, no que colaboran con Juancho Marqués. O tema será un dos últimos lanzamentos de Tanxugueiras deste 2023, chegando xusto antes do seu concerto fin de xira o 16 de decembro no Coliseum da Coruña, bautizado como ‘O derradeiro diluvio’.

Esta data preséntase cunha relevancia especial posto que conseguirán o fito histórico de ser as primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste da Península, vendendo máis de 5.000 entradas en só 24 horas tras a súa posta á venda fai uns meses. Sen dúbida, o tema formará parte do setlist escollido para unha das noites máis importantes da carreira das artistas ata o día de hoxe.


Tanxugueiras e Juancho Marqués | © Panoramica Agency 2023

A canción, que ven acompañada por un vídeo producido por Trece Amarillo e PlayPlan, xira arredor dos conceptos de amizade, compartir, e ter ao teu carón ás persoas que suman, propoñendo a compañía como algo sanador, pero tamén de estar en paz cun mesmo e de poñer en valor todo o que nos brinda a vida. En resumo, de vivir e non simplemente existir, e facelo rodeados de xente que aporta, nun intento de transcender persoalmente. “As que tiñan que estar” foi producida e gravada por Ale Acosta e Gabi Fernández.

O primeiro, metade de Fuel Fandango xunto a Nita durante once anos, reúne nominacións aos Latin Grammy como “Produtor do ano” en 2008 e aos Premios Goya en 2016, e colaborou con artistas da talla de Muchachito Bombo Inferno, Love Of Lesbian, Chambao, Rayden ou unha lenda como Enrique Morente. Pola súa parte, Gabi é tamén considerado un dos produtores con maior proxección do noso país. Produciu e compuxo xunto a Juancho Marqués “Los Ojos del Nativo”; ademais de participar na maioría de cancións do seu disco “Paraíso 39”, e traballou con outros artistas do nivel de Nach, SFDK, Rayden, Alba Reche, Marc Seguí, Vanesa Martín, Natalia Lacunza ou Raimundo Amador.


Tanxugueiras e Juancho Marqués | © Panoramica Agency 2023

Juancho Marqués, convertido xa nun referente do panorama urbano do noso país, acaba de publicar o seu último EP, “Summer Series’23”, cinco cancións e un remix nas que o madrileño volve reivindicar a súa versatilidade e o seu selo inconfundible, de ton cálido e temática sentimental, co que leva xa máis de quince anos rachando as barreiras do establecido no hip hop nacional.

O tema chega cun novo recoñecemento ao traballo e traxectoria do trío galego, que este pasado fin de semana alzouse co Premio da Crítica de Galicia na categoría Música. Dende 1978 e de forma ininterrompida, estes galardóns recoñecen cada ano a excelencia e a relevancia das labores individuais e colectivas máis destacadas nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.



MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis achegados ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano corado’ ou ‘Terra’, tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Todos estes singles forman parte do seu último disco, “Diluvio”, publicado en xullo de 2022 e que continúan presentando este 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas, da man da súa oficina PlayPlan e estreando nova música editada por Calaverita Records.

Tanxugueiras foron recentemente galardoadas co premio Artista Revelación Alternativo 2023 outorgado polos Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (Entidad de Derechos de Propiedad Intelectual que agrupa aos produtores fonográficos do país), estes galardóns premian aos traballos discográficos de artistas españois de 2022 máis exitosos en termos de vendas. Un recoñecemento máis que non fai senón reflexar o excelente momento de forma que atravesa a banda. Ademais, tamén obtiveron dous premios nos últimos Premios MIN correspondentes ás categorías “Mellor álbum en galego” e “Mellor álbum de música de raíz” por “Diluvio”.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.


Está pasando!