Tanxugueiras | © Rocio Cibes

Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura reunidos por vez primeira nun festival gratuíto en Poio

19 Abril 2023

Tres dos nomes máis relevantes da música tradicional galega, máximos representantes de tres xeitos moi distintos de entender a nosa música de raíz, conforman o cartel da edición de 2023 do festival Sons de Ankar.

É a primeira vez que Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura coinciden un mesmo escenario, o que convirte ao Sons de Ankar no gran evento da música tradicional galega desta tempada.

O festival celebrarase o sábado 29 de abril no parque de Ankar, en Poio, a partir das 19:00 horas. A entrada é de balde.

Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura representan tres formas distintas pero sempre exitosas de entender, contemporaneizar e expresar a música de raíz galega.


TANXUGUEIRAS

O trío de pandeireteiras formado por Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro confirmáronse no 2022 como a gran revelación da música tradicional galega dos últimos tempos. Midas, Figas e, finalmente, Terra, o tema co que concorreron ao Benidorm Fest, puxeron o seu nome en boca de todo o mundo e leváronas aos carteis de festivais en todo o Estado.

A publicación do seu álbum Diluvio e a repercusión que acadaron entre públicos de moi diferentes idades e estilos, tanto dentro como fóra do noso territorio, puxo defintivamente patas arriba a escena musical galega.


XABIER DÍAZ E ADUFEIRAS DE SALITRE

Poucos músicos hai tan respectados en Galicia, xa non só na escena do tradicional senón en xeral, como Xabier Díaz.

Nos seus máis de 30 anos de traxectoria figura a participación en grupos tan relevantes para a nosa música como  Xacarandaina, aCadaCanto e, por suposto, Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou  até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Dende que no 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, a súa reputación non fixo senón medrar. Foi quen de conseguir que a música tradicional galega soase en escenarios, foros e festivais ata entón impensables para o xénero.

Co seu último disco, As catedrais silenciadas, conseguiu fitos como permañecer tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe ou entrar na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines, na que os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo. Tamén a Transglobal World Music Charts, unha das listas máis recoñecidas do mundo, incluiu As Catedrais Silenciadas no seu ránking de mellores discos 2020-2021: no número 28 do mundo e no número 1 da península Ibérica.


TREIXADURA

Treixadura veñen reafirmando dende 1990 a súa vontade de observar, entender e interpretar a música tradicional galega desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

Ao longo destas tres décadas o grupo foi modelando o seu camiño e transformando o seu estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel. Rescatando do anonimato moitas melodías e creando outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.

Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

Está pasando!