Fillas de Cassandra publicará novo disco, ‘Tertúlia’ | Arancha Brandón

‘Tertúlia’, o segundo disco de Fillas de Cassandra, chegará en primavera

15 Xaneiro 2026

Sara Faro e María SOA veñen de anunciar nas súas redes sociais o lanzamento, cuxo primeiro sinxelo se poderá escoitar o 30 de xaneiro


Regresa Fillas de Cassandra. O dúo vigués vén de anunciar a través dun vídeo, publicado esta mañá nas súas redes sociais, que neste 2026 o grupo lanzará o seu segundo LP, que se titulará ‘Tertúlia’.

Neste álbum, producido por Çantamarta e polas propias Fillas de Cassandra, Sara Faro e María SOA lanzan un convite a desobedecer. Nun contexto marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar e escoitar convértese nun xesto político.

Así, en ‘Tertúlia’ hai conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, voces que se superpoñen e moitos risos: son as formas que se atopan e mesturan, desde a proximidade, nos espazos de encontro, confesión e festexo.

Fillas de Cassandra presentará novo disco, ‘Tertúlia’ | Arancha Brandón

O novo disco, que chegará na primavera e contará con destacadas colaboracións, é unha proposta arriscada e incisiva coa que Fillas de Cassandra amplía o seu universo instrumental e ensancha os marcos da sonoridade percutiva que caracteriza ao dúo.

A electrónica contemporánea, a experimentación coas voces e as harmonías -que xa avanzaban no seu EP ‘Hibernarse’– encóntranse nesta ‘Tertúlia’ cunha forma de composición e escrita xenunína e afiada.

O primeiro avance do disco poderase escoitar a partir do 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo acompañarase dun videoclip rodado en Vigo -dirixido por Santi Iglesias, Sergio ‘Steel’ e Fillas de Cassandra-, como a peza audiovisual publicada esta mesma mañá nas redes do grupo.

Está pasando!