Todos os recunchos da illa de San Simón encheranse de música o 4 de xullo na primeira edición do Encordass Fest

24 Xuño 2021

Encordass Fest inicia a súa andaina no singular espazo natural da Illa de San Simón, coa intención de converterse nun festival de referencia dentro das músicas de raíz.

Todos os recunchos da illa encheranse de música neste evento, que aloxará micro-concertos sorpresa en distintas localizacións, culminando no escenario principal do Campo das Alocucións.

O festival conta na súa primeira edición con artistas de renome internacional procedentes de Italia, Cataluña e Portugal, que se unirán nun cartel de luxo con artistas consagrados da música folk galega, como Anxo Pintos, Begoña Riobó, ou a nova promesa Claudia Abril.


Cartel Encordass Fest 2021

Encordass Fest é moito máis que unha xornada de música, é un evento plural, que combina cultura, turismo e gastronomía. A súa oferta inclúe viaxe en barco pola baía de Vigo, unha visita guiada que ilustrará aos asistentes cun pouco de historia sobre este enclave tan especial, unha degustación de viños patrocinada pola adega Terras Gauda, e un showcooking patrocinado por cervexas Alhambra.

Ademais, contaremos coa colaboración da Confraría de pescadores San Xoán, que de man da marca Choco de Redondela, brindarannos a oportunidade de degustar unhas deliciosas tapas elaboradas con este produto único de tempada.

Encordass Fest 2021 celebrarase o domingo 04 de xullo, e ofrece dúas modalidades de entrada, que establecen prezos diferenciados dando a posibilidade de elixir entre a experiencia completa ou unicamente o concerto principal. As saídas terán lugar desde o pantalán de Meirande (Rande) ás 19:00 h e 20:00 h, estando ligado o horario á modalidade de entrada escollida.

+info. e venda de entradas en eventbrite.com

Está pasando!