‘Transitar o impensable’ estende a súa programación en Pontevedra ata o 25N con actividades arredor do espazo efémero situado na Gran Vía de Montero Ríos 

3 Novembro 2022

Esta semana continúa en Pontevedra a programación de ‘Transitar o impensable’, unha serie de charlas, obradoiros e intervencións participativas destinadas a sensibilizar sobre a perspectiva de xénero no espazo público, achegando á cidadanía as ferramentas de creación colectiva, expresión da propia voz e deseño social para aprender a pensar e traballar en colectividade na creación dos espazos nos que desenvolver a vida cotiá e poñer en valor o traballo das mulleres.

A iniciativa, organizada por GEN –grupo de traballo de READ, Red Española de Asociaciones de Deseño– en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra, intégrase no do marco da celebración do 10ENAD, Encuentro Nacional de Asociaciones de Diseño, que tivo lugar o pasado 21 e 22 de outubro na cidade, e que estende a súa programación ata o 25N con actividades arredor do espazo efémero situado na Gran Vía de Montero Ríos.


Rosa Millán e Myriam Cea | © GEN

O vindeiro sábado, 5 de novembro, ás 11:30 horas, no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, terá lugar a charla-coloquio ‘Cal é o teu impensable?’ da educadora social e divulgadora madrileña Rosa Millán.

A creadora, xunto con outras mulleres, da ‘Escuela de autoconocimiento y crecimiento personal para mujeres Simone de Beauvoir’, regresa a Galicia —onde desenvolveu gran parte da súa traxectoria profesional no eido municipal— para contarnos o impensable de Ángela Ruiz, ‘Doña Angelita’, a inventora da primeira enciclopedia mecánica, considerada precedente do libro dixital.

Despois abrirase un coloquio, moderado pola deseñadora Myriam Cea, para reflexionar sobre os nosos propios impensables.

Acceso libre ata completar o aforo da sala.


Está pasando!