Tras unha exitosa primeira edición volve o ciclo ‘Música no ar’ da Deputación de Pontevedra

20 Xuño 2021

Espazos únicos que evocan historias, instrumentos clásicos desde unha ollada contemporánea, mesturando a electrónica con outros elementos e obxectos cos que construír novas paraxes experimentais.

Espazos sonoros cheos de luz, innovación e memoria na procura de sorprender, conmover e facer sentir achegando novas experiencias estéticas a toda a cidadanía. Unha forma de activar o noso patrimonio a través de novas linguaxes, a través da creación musical contemporánea.

Tras unha exitosa primeira edición volve o ciclo ‘Música no ar’ da Deputación de Pontevedra para facernos viaxar a novos mundos imaxinarios a través da interpretación en lugares únicos: mosteiros, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais.

A través de pequenos grupos instrumentais, na compaña das novas tecnoloxías, sumadas á voz e mesmo a outras disciplinas asistiremos a pequenas pílulas de innovación contemporánea desde a música de cámara.

Sempre garantindo a seguridade sanitaria e respectando os protocolos vixentes, desde este ciclo alentamos a música en vivo desde o virtuosismo e a renovación do xénero, na  procura de espallar por toda a provincia a creación contemporánea, poñendo en valor espazos patrimoniais inmellorables e facilitando un acceso democrático á cultura para todas e todos.

Conservar a memoria manténdoa viva desde as linguaxes máis contemporáneas, esa é a mellor senda para preservar e construír o patrimonio. Para o noso futuro, desde o noso presente.

Acceso libre ata completar capacidade.

Música no ar… Que comece o espectáculo!


PROGRAMA, DATAS E LUGARES


Xoves 1 de xullo, 21:00 h | A Estrada

  • Javier Otero Neira e Rubén Iglesias

Venres 16 de xullo, 22:00 h | Tui

  • Ana Belén Rodríguez Trío

Sábado 17 de xullo, 20:30 h | Pontecesures

  • Vertixe Sonora

Venres 23 de xullo, 20:30 h | A Lama

  • Clara Pino e Pablo Vidal

Domingo 8 de agosto, 22:30 h | A Cañiza

  • Samudra Trío

Domingo 22 de agosto, 20:00 h | Cambados

  • Estefanía Cereijo e Esperanza Mara

Domingo 5 de setembro, 21:30 h | Gondomar

  • Suelen Estar Quartet + proxección

Xoves 9 de setembro, 21:00 h | Soutomaior

  • Pulso Ensemble

Venres 10 de setembro, 20:30 h | Cangas

  • Raíces Aéreas

Sábado 11 de setembro, 20:00 h | Silleda

  • Brais González e Beatriz Arenas

Sábado 18 de setembro, 19:00 h | Mondariz

  • Odaiko Percusión
Está pasando!