‘Penélope, destecendo o vínculo’ | @ Constance Hurlé

Tres estreas e un festival iberoamericano son algunhas das novidades da nova tempada teatral da Sala Ártika que comeza este sábado

12 Xaneiro 2024

Vinte e unha compañías pasarán pola sala situada na rúa Beiramar en Vigo e que traerán á cidade 36 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Entre todas as novidades destacan a estrea de tres espectáculos: ‘Penélope, destecendo o vínculo’ da compañía Constance Hurlé, ‘Perder a lingua’ da compañía Eva Comesaña e a estrea do novo espectáculo familiar da compañía Ártika CIA; ‘Pum, pum. Quen hai?’

Cabe destacar tamén que a Sala Ártika acollerá por primeira vez o circuíto iberoamericano, por onde pasarán compañías nacionais, portuguesas e latinoamericanas. Un total de 7 compañías que amosarán as súas creacións dende o 2 ao 25 de febreiro.

Ademais, para os que non puideron gozar dos espectáculos ‘O emparelado amarelo’ da Quinta do Cuadrante ou de ‘O meu mundo non é deste reino’ de Teatro da Ramboia, terán unha nova oportunidade. O 9 e 10 de marzo representarase o espectáculo gañador do I Certame Manuel María de Proxectos teatrais; ‘O meu mundo non é deste reino’,gañador tamén no 2020 o premio María Casares a mellor adaptación e mellor dirección. O 11 e 12 de maio representarase ‘O emparelado amarelo’, o primeiro espectáculo da compañía ‘A Quinta do cuadrante’. Desde a súa estrea participou nos Festivais Singular, en Narón, o Festival Escenas do Cambio de Santiago de Compostela, e no Festival Galicia Escena Pro. Acadou tres nomeamentos aos Premios María Casares: Mellor dirección, Mellor Adaptación / Tradución e Mellor Iluminación.

Talia Teatro con ‘Morte accidental dun anarquista’, Excéntricas producións co espectáculo familiar ‘Monstros’, Inversa teatro con ‘O péndulo’, a compañía Os Naúfragos teatro con ‘Noso’ , Migallas teatro con ‘Canta connosco’ ou Inventi Teatro con ‘As palabras perdidas’ son outras das compañías que pasarán polo noso espazo durante os próximos meses.



Tamén teñen cabida compañías de recente creación como Vórtice escénico, que achegarán o seu espectáculo ‘Asfixia’ e compañías nacionais como Teatro Arbolé ou Teatro Defondo que cos espectáculos ‘La gota aventurera’ e ‘Teatropedia’ respectivamente.

A continuación, detallamos a programación por días:

  • 13 e 14 de xaneiro. ‘Penélope; destecendo o vínculo’ (estrea). Constance Hurlé
  • 20 e 21 de xaneiro. ‘Morte accidental dun anarquista’. Talía Teatro
  • 27 e 28 de xaneiro. ‘Asfixia’. Vórtice escénico
  • 2 febreiro. Mosca. Ártika Cía (Galicia)
  • 3 de febreiro. ‘Nos’. Compañía Zero10 (Cataluña)
  • 4 de febreiro. ‘La sapo’. Ignacio Tamagno (Arxentina)
  • 11 de febreiro. ‘Desumanizaçao’. Teatro Art’imagem (Portugal)
  • 17 de febreiro. ‘Donodonada’. Companhia Certa (Portugal)
  • 18 de febreiro. ‘Medium’. Teatro Apatrida (Chile)
  • 24 e 25 de febreiro. ‘María Zambrano; la palabra danzante’. Karlik danza (Extremadura)
  • 2 e 3 de marzo. ‘Monstros’. Excéntricas producións
  • 9 e 10 de marzo. ‘O meu mundo non é deste reino’. Teatro da Ramboia
  • 16 e 17 de marzo. ‘La gota aventurera’. Teatro Arbolé ( Aragón)
  • 23 e 24 de marzo. ‘Noso’. Os naúfragos teatro
  • 13 e 14 de abril. ‘Teatropedia’. Teatro Defondo (Madrid)
  • 20 e 21 de abril. ‘O péndulo’. Inversa teatro
  • 27 e 28 de abril. ‘Perder a lingua’ (estrea). Cia Eva Comesaña
  • 4 e 5 de maio. ‘Canta connosco’. Migallas Teatro
  • 11 e 12 de maio. ‘O emparelado amarelo’. A quinta do cuadrante
  • 18 e 19 de maio. ‘As palabras perdidas’. Inventi teatro
  • 25 e 26 de maio. ‘Pum, pum. Quen hai?’ (estrea). Ártika Cia
Está pasando!