© Deputación de Pontevedra

Tres novos programas da Deputación de Pontevedra para revalidar a provincia como referente da cultura e da igualdade

18 Outubro 2022

“DepoCrea” selecciona a seis creadoras e creadores para a residencia artística de San Vicente, “ConectaLab”, suporá a creación dun laboratorio audiovisual en San Simón, e “Transitar o Impensable”, xorde como a mirada feminina ao abeiro do X Congreso de Deseño


A provincia de Pontevedra revalídase como referente da cultura e da igualdade da man de tres novos programas transformadores impulsados pola Deputación, que supoñen, como destacou Carmela Silva, “unha potente aposta para promover o talento e a capacidade das creadoras e creadores e que ocupe os espazos onde as ideas se convertan en proxectos”. Arroupada por representantes das entidades organizadoras destas iniciativas, O Náutico de San Vicente, a Asociación CREA, e a Red Española de Asociaciones de Diseño e Gráficas en Negro, a presidenta salientou que “Conecta Lab”, “DepoCrea” e “Transitar o impensable”, que mobilizarán máis de 300.000 euros no seu desenvolvemento, “son proxectos incribles que referencian a esta provincia como espacio e territorio de creación da cultura e a igualdade dende a reflexión, a reivindicación e a proposta, poñéndonos de pé e no centro”.

“Conecta Lab” trátase dun laboratorio para creadores e creadoras audiovisuais da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) que vai estenderse entre os anos 2023 e 2024. “Pretende –explicou Carmela Silva- crear espazos onde a través da mentorización, das residencias artísticas, da elaboración de proxectos, poidan converterse en guións, pre-producións, producións, tecendo redes coas empresas que producen documentais, series e películas para que esas grandes ideas pasen a ser proxectos reais”. A iniciativa, tal e como informou a presidenta, comezará en decembro e o proceso de titorización culminará cunha estancia artística de dez días na Illa de San Simón.

O programa conta cun orzamento de 269.000 euros para 2023 e 2024, dos que 182.920 euros os aporta o Estado a través dos fondos Next Generation e a Deputación e Crea 43.040 euros cada un. De feito, o proxecto foi o mellor valorado de Galicia para a concesión destas axudas, con 69,8 puntos, situándose así entre os 16 mellores de toda España, ao nivel de propostas tan potentes como os festivais San Sebastián (77,2)  ou Sitges (72,5). “Isto significa que temos un gran talento na provincia e unha enorme capacidade para presentar proxectos a fondos tan esixentes como os Next Generation e ter unha das mellores puntuacións”, resaltou a presidenta.

Dende hoxe e ata o 15 de novembro poden presentarse xa candidaturas a través do formulario habilitado en www.crea.gal/conectalab. En decembro anunciaranse os seis proxectos seleccionados, dos que polo menos a metade será creados por mulleres e outros tanto de residentes en Galicia. O presidente de CREA, Fon Cortizo, sinalou que as propostas escollidas contarán con “mentores e mentoras de recoñecido prestixio seleccionados especificamente para adaptarse aos seus proxectos”, que na Illa de San Simón tamén impartirán clases maxistrais abertas ao público. Ademais, durante eses dez días organizaranse outras actividades como encontros profesionais, para que a Illa se converta  nun “foco no que se fala de audiovisual, xénero e cinema e no que se creen seis proxectos que seguro van a despegar”.

Pola súa banda, “DepoCrea” é un programa de residencias artísticas que vai da man da Deputación e do Náutico de San Vicente. “Hai moito tempo –asegurou a presidenta- que tiñamos a idea de crear residencias onde puideran convivir mulleres e homes do mundo da creación de diferentes disciplinas para que de aí saísen proxectos e dar oportunidades para abrilos ao público e á sociedade e que mellor lugar que o Náutico de San Vicente para acollelos”. A residencia e “laboratorio creativo” terá lugar entre o 28 de outubro e o 11 de novembro e nela participarán 3 mulleres e 3 homes elixidos por unanimidade entre as 33 candidaturas presentadas desde Galicia e outros lugares de España, Portugal, México e Grecia que residen na comunidade. “É unha acollida incrible para un soño que imos converter en realidade”, subliñou a presidenta.

Cinco artistas da provincia de Pontevedra, Carla Andrade; Pablo Barreiro; Macarena Montesinos; Diego Vites e Yolanda Ríos, e un de A Coruña, Olmo Blanco, “todas e todos de altísimo nivel e cunha ampla traxectoria”, desenvolverán durante a estadía proxectos multidisciplinares e específicos vinculados ao territorio e presentaranos o 12 de novembro. A iniciativa inclúe unha etapa de creación con visitas do público e tamén visitas profesionais do sector, así como unha xornada de divulgación. Miguel de la Cierva, responsable do Náutico, louvou a iniciativa da Deputación que vén sumarse ás propostas que nos últimos anos está a desenvolver desde o local para seguir crecendo ao abeiro da cultura. “A través da creación gaña o territorio, porque a través da mirada do artista e a súa creación o territorio referénciase”. Neste senso, destacou que con este tipo de propostas tamén “se desestacionaliza a actividade dun lugar que está moi paralizado nos meses de inverno”.

Finalmente, “Transitar o impensable” trátase dunha proposta de Rede Española de Asociación de Deseño (READ) a través de Gráficas En Negro (GEN) organizada ao abeiro do X Encontro Nacional de Deseño, que se vai celebrar no edificio Castelao do Museo. “Trátase –explicou Carmela Silva- dun programa paralelo ao encontro que comezará este xoves, 20 de outubro, e estenderase ata o 25 de novembro, Día Internacional contra as violencias machistas, vertebrado arredor dun espazo efémero, con forma de triángulo de cor negra, que se vai situar no exterior do Pazo Provincial, dende o que se reflexionará sobre cidade, feminismo e deseño a través de charlas, obradoiros e accións colaborativas”. Raquel Boo, representante de GEN e integrante do equipo de coordinación de “Transitar o impensable” agradeceu á presidenta e deputada de Cultura “a súa sensibilidade cara este proxecto, o feito de entender a necesidade da perspectiva de xénero e a forza do deseño como unha ferramenta con grande impacto social para conseguir o cambio”. Boo detallou que as actividades comezarán o xoves, 20 de outubro, con “Se podes imaxinalo, é posible”, a cargo de Antonia Santolaya, e continuarán o venres 21 coa inauguración do triángulo. O 29 de outubro terá lugar o obradoiro de gráfica feminista da man de Uqui Permui; o sábado 5 de novembro a charla-coloquio “Cal é o teu impensable”, a cargo de Rosa Millán; o 12 de novembro “Repensar a cidade. Miradas feministas” da man de Raquel Pelta; e, finalmente, o 19 de novembro o obradoiro de contrapublicidade “Hackea o discurso”, a cargo de 7H Cooperativa Cultural. O programa rematará o 25 de novembro cun acto de clausura no que se recollerán os resultados das iniciativas desenvolvidas no marco de “Transitar o impensable”.

Está pasando!