Tres xornadas de cultura, unha illa e un cartel secreto: mañá comeza a 15ª edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón

24 Xullo 2025

  • 32 bandas e solistas de 17 países actuarán desde este venres 25 e até o domingo 27 nos seis escenarios (catro oficiais e dous alternativos) situados no arquipélago
  • Catro estreas de proxectos de Xapón, Indonesia, Bulgaria e Cabo Verde marcarán o primeiro día do festival, no que artistas de Vigo terán un forte protagonismo na grella de actividades paralela

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia inicia mañá a súa 23ª edición (a 15ª na illa de San Simón) cunha xornada marcada pola estrea, a nivel estatal, de proxectos musicais de Xapón, Indonesia, Bulgaria e Cabo Verde; e na que tanto as sesións de DJs coma as actividades paralelas contarán con viguesas como protagonistas.

As músicas tradicionais, o dance hall e os ritmos tribais soarán na enseada de San Simón, ao igual que o koduro, o rock psicodélico e, inclusive, cantos folk. Tampouco faltarán nesta primeira xornada sesións que tenderán pontes entre África e Galicia, con músicas populares que estiveron prohibidas, ou entre Galicia e Portugal. Este último é o caso da actividade inaugural ‘Audicións Malmequeres’, na que, baixo o título ‘La trastienda del Fanzine Escupe. Música para cerebros inquietos’, Chus Taboada e Eva Izquierdo (integrantes de Voces de Ultratumba, banda feminina de referencia na movida viguesa) presentarán unha viaxe sonora polos recunchos da década dos 80 cos sons da escena afterpunk. A cita será a partir das 12:40 horas.

Festival Sinsal 2024 | © elmembrillo

Taboada e Izquierdo non serán as únicas viguesas que aparezan na grella secreta do venres, da que xa se coñece a presenza da Orquesta Clásica de Vigo. A formación, en formato sexteto, reconstruirá musicalmente, e inspirada grazas a unha partitura de Teódulo R. Páramos, unha película “perdida” de 1935 da que só se conservan vestixios: ‘Canto de emigración’.

Desde as 14:15h ofreceranse microconcertos acústicos na cafetaría da illa, espazo no que tamén terán lugar as gravacións das ‘Sesións San Simón’, con Aleks Kolkowski, e dos obradoiros creativos ‘Caderno de bitácora’, impartidos polo taller vigués Arte&Garabato.

‘Descubre San Simón’ Sinsal 2024 | © elmembrillo

Ademais, longo de todo o día o público poderá descubrir o patrimonio natural, histórico e cultural da illa grazas ao roteiro independiente ‘Descubre San Simón’, ideado polo festival, e que conta con sete bastidores espallados pola illa no que, a través de códigos QR, contén información en galego, castelán e inglés sobre outros tantos feitos históricos e singulares vinculados ao arquipélago. Tamén a ceo aberto, e ilustrada sobre 16 paneis, está a Exposición ‘A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia’.

Finalmente, o novo Espazo Gastronomía (situado detrás do escenario Malmequeres) acollerá as actividades da liña ‘A cociña Sinsal’. A chef Begoña Vázquez realizará, da man de Aceites Abril, unha demostración (e posterior degustación) con produtos de proximidade; mentres que Juanma LoDo impartirá a primeira sesión do taller ‘Do, re, Bip’ dirixido a todos os públicos.

Festival Sinsal SON Estrella Galicia

O festival Sinsal é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e un fondo compromiso co medio ambiente e a igualdade son os sinais de identidade dun festival cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa.

Sinsal, que celebra a súa 15ª edición na illa de San Simón, é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, e conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal. Ademais, o evento ten o apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa FEST Galicia, como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.

Está pasando!