Praza do Teucro | Turismo de Pontevedra

Turismo de Pontevedra organiza visitas guiadas en inglés para deportistas e acompañantes do World Multisport Pontevedra

16 Xuño 2025

Os percorridos guiados comezarán este xoves, 19 de xuño e estenderanse ata o día 29


As visitas guiadas promovidas pola empresa municipal Turismo de Pontevedra, que xestiona a concelleira Anabel Gulías, comezan a tempada estival cunha oferta especial de percorridos en inglés, pensados para os/as deportistas e acompañantes que se achegarán á cidade co gallo do World Multisport Pontevedra 2025.

Comezarán este xoves, 19 de xuño e terán continuidade os días 23, 24, 25, 26, 27 e 29 do mes.

Haberá dúas quendas: unha de mañá, ás 11.00 horas e outra de tarde, ás 17.15 horas. A saída será ao carón da Oficina de Turismo municipal (praza de España, s/n) e a identificación, un paraugas verde.

As visitas guiadas súmanse á numerosa programación de actividades lúdicas e culturais paralelas ao campionato que traerá á Boa Vila arredor de 5.000 deportistas e outros tantos acompañantes. Un regueiro de xente que terá tempo para competir e tamén para coñecer Pontevedra e a súa provincia.

Unha primeira aproximación poden ser estes percorridos pola cidade da man de guías oficiais, profesionais acreditadas, que axudarán aos participantes a descubrir a historia, cultura, monumentos, a vida da rúa e a gastronomía dunha cidade acolledora e preparada para ser escenario dun evento do alcance do Multisport.

Está pasando!