Turismo de Pontevedra presentará en Fitur o orixinal vídeo de Bruce Lee percorrendo espazos tan emblemáticos como a Peregrina, a Illa das Esculturas, Michelena, a Praza da Ferraría, Santa María, Méndez Núñez ou o contorno do río dos Gafos
18 Xaneiro 2023
A peza audiovisual realizada por Fernando Portela inspírase na famosa campaña ‘Be water, my friend’ e, nela, un sosia da lenda do Kung Fu percorre espazos emblemáticos da cidade para lembrarnos o lema que sintetiza o espírito da estratexia de impulso do turismo verde e sostible do proxecto Pontevedra Flúe: ‘Flúe, my friend!’
O orixinal vídeo de Bruce Lee que Turismo de Pontevedra presentará mañá xoves 19 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo Fitur 2023 xa flúe polos medios e redes sociais. A peza audiovisual realizada por Fernando Portela, de dous minutos e medio de duración, está inspirada na famosa campaña ‘Be water, my friend’ e, nela, un sosia da lenda do Kung Fu percorre espazos tan emblemáticos como a Peregrina, a Illa das Esculturas, Michelena, a Praza da Ferrería, Santa María, Méndez Núñez ou o contorno do río dos Gafos, para lembrarnos ese lema que sintetiza o espírito da estratexia de impulso do turismo verde e sostible do proxecto Pontevedra Flúe: ‘Flúe, my friend!’.
Este vídeo será, xunto co xa famoso traballo protagonizado polo sibarita Paco e dous ‘loops’ de imaxes de Pontevedra Flúe e de Pontevedra Capital Gastro, un dos principais elementos promocionais que a cidade onde mellor se vive do mundo exhibirá nun dos máis importantes escaparates do turismo nacional e internacional. Será nun acto institucional que se celebrará ás 12:00 horas no stand de Turismo de Galicia no recinto de Ifema (Institución Feiral de Madrid) e que terá como embaixadores á concelleira delegada de Turismo e ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, os socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes.
Este vídeo será, xunto co xa famoso traballo protagonizado polo sibarita Paco e dous ‘loops’ de imaxes de Pontevedra Flúe e de Pontevedra Capital Gastro, un dos principais elementos promocionais que a cidade onde mellor se vive do mundo exhibirá nun dos máis importantes escaparates do turismo nacional e internacional. Será nun acto institucional que se celebrará ás 12:00 horas no stand de Turismo de Galicia no recinto de Ifema (Institución Feiral de Madrid) e que terá como embaixadores á concelleira delegada de Turismo e ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, os socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes.
O vídeo xa se pode desfrutar en Vimeo (https://vimeo.com/789695259) e na canle de Youtube do Concello de Pontevedra. Nel, un actor chinés ‘malladiño’ a Bruce Lee combínase con técnicas de ‘deepfake’ (imaxe ou audio xerado que imita a aparencia ou son dunha persoa) para dar como resultado un deses spots propios das grandes marcas comerciais:
Deste xeito, Turismo de Pontevedra volve apostar por un vídeo diferente e espectacular, con máis humor que as pezas clásicas de destino, contando nesta ocasión cunha das figuras máis célebres do mundo das Artes Marciais. Non obstante, tal e como subliñan Yoya Blanco e Iván Puentes, nun contexto como Fitur, no que cada día hai centos de proxeccións e presentacións de diferentes concellos, con vídeos con imaxes de drons e espectaculares desde o punto de vista técnico, “o que buscamos é diferenciarnos”. “Cando levamos vistos 20 vídeos con imaxes de dron e música épica, xa non sabemos ben se estamos en Viana do Bolo, Lugo ou Pontevedra. En 2022 arrasamos co vídeo de Paco, que volveremos exhibir na presentación do xoves, e estou convencido de que nesta edición de Fitur volveremos distinguirnos cunha peza audiovisual que todo o mundo vai recoñecer”, asegura Puentes.
Ecoturismo e turismo gastronómico como eixos da campaña
Dar a coñecer e poñer en valor os talentos gastronómicos da cidade e os seus fermosos espazos naturais, que sen dúbida xogan un papel esencial na calidade de vida da que gozamos os pontevedreses, serán os principais obxectivos dunha campaña que busca consolidar o noso posicionamento como potencia gastronómica e en exhibir os proxectos cos que aspiramos a converternos, tamén, en referente e capital española do turismo sostible. Segundo subliña Yoya Blanco, “Visit Pontevedra viaxa a Fitur a vender cousas que teñen moito que ver co noso Plan de Sostibilidade Turística en Destino, que son o ecoturismo e o turismo gastronómico”.
Se as accións desenvolvidas ao longo destes anos pola marca Pontevedra Capital Gastro focalizarán a promoción dos valores gastronómicos da cidade onde (tamén) mellor se come do mundo, con eventos de éxito que enchen o noso calendario como a Festa das Cunchas, Mestizaxes, Avoa Fest, Pontedetapas, Entroido Gastronómico, Campionato de Tapas de Galicia ou Pontealmorzo, a aposta polo turismo verde e sostible terá como eixo vertebrador o conxunto de proxectos de renaturalización dos nosos ríos e contornos naturais e loita contra o cambio climático enmarcados na ambiciosa estratexia Pontevedra Flúe.
Fitur é o escaparate perfecto para captar visitantes, poder destacarse e posicionarse dentro do menú turístico de España durante estes días de feira, pero tamén permitirá facer contactos, nun espazo no que estarán presentes boa parte do poder institucional español e galego e importantes axentes económicos que teñen moito que ver en como se reparte o mercado turístico nacional. Neste contexto, Visit Pontevedra pretende comezar a posicionar a Pontevedra como capital do turismo ecolóxico e das infraestruturas verdes e azuis, tendo como principal expoñente a vintena de actuacións de renaturalización, reverdecemento e loita contra o cambio climático incluídas dentro dese novo modelo de cidade 2.0 que promulga a estratexia Pontevedra Flúe.
Entre estas intervencións, valoradas en máis de 20 millóns de euros e das que moitas delas xa contan con financiamento de fondos europeos, contémplanse algunhas en marcha ou a punto de iniciarse, como a restauración da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, a renaturalización do treito do río dos Gafos que discorre entre A Tablada e Rosalía de Castro, a construción do primeiro parque de xogos de auga da cidade; outras que se están a tramitar e que xa contan con financiamento, como a rehabilitación dos salóns do Lérez, a mellora paisaxística e ambiental do parque de María Vinyals ou a restauración da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras, e outras en fase de anteproxecto, como o plan para controlar o Valdecorvos mediante lagoas artificiais e acabar coas inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo ou o proxecto que permitirá crear zonas de estar e acceso á auga nos contornos do Pavillón dos Deportes e a Illa das Esculturas.
No que atinxe á posta en valor da nosa gastronomía, produtos e cociñeiros, a marca Pontevedra Capital Gastro permitiu que a cidade regrese este ano Fitur como unha potencia nacional do gastroturismo, con eventos consolidados como a Feira das Cunchas (cun Mercado e coa Batalla das Cunchas); o Avoa Fest, que recuperou as receitas e verbenas dos nosos avós e avoas; o Mestizaxes (orientado a degustar as mellores cociñas foráneas asentadas en Pontevedra); o clásico Pontedetapas, e estreas como o I Campionato de Tapas de Galicia, o Entroido Gastronómico ou o Pontealmorzo. Un programa ao que hai que sumarlle iniciativas pioneiras como a incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos Capital Gastro Lab e o foro Think Tank de Gastronomía e Sostibilidade.
Entre os contactos formais previstos nestes días de feira, Iván Puentes e Yoya Blanco agardan reunirse coa Fundación de los Ferrocarriles Españoles, co obxectivo de seguir avanzando no proxecto de conexión coa Vía Verde do Salnés (para o que xa hai financiamento a través da Fundación Biodiversidade).