Rolda de visitas da concelleira Roció Cochón aos establecementos adheridos ao TapeaPoio 2025 | Concellaría de Turismo de Poio

Última fin de semana para desfrutar do certame gastronómico TapeaPoio 2025

15 Maio 2025

  • A II edición do certame gastronómico, con 20 establecementos participantes e más de 7.500 euros en premios, remata este domingo 18 logo dunha extraordinaria acollida entre o público e o sector
  • A partir do luns recontaranse os votos físicos e telemáticos dos clientes para determinar as tapas galardoadas polo público en cada categoría, e farase o sorteo dos premios entre as persoas que depositaron o seu voto
  • O martes 20 a partir das 9:45 h no Pazo de Colón celebrarase a reunión dos expertos, que degustarán e valorarán as 24 tapas para outorgar o premio do xurado para cada categoría
  • O 2 de xuño celebrarase a “II Gala da Hostalaría de Poio”, na que se darán a coñecer os premios a profesionais e público e “se porá en valor ás persoas que fan de Poio un dos grandes referentes gastronómicos e turísticos de Galicia”
  • O Goberno local anima a veciños a visitantes a aproveitar estes últimos días para apoiar ao sector e vivir “unha experiencia culinaria de primeiro nivel nun entorno único” e a repetir “o resto dos 365 días do ano”

TapeaPoio 2025 enfila a súa última fin de semana logo dunha extraordinaria acollida entre veciños, visitantes e profesionais. Ata o domingo 18, a segunda edición deste certame gastronómico seguirá ofrecendo a oportunidade de degustar 24 creacións culinarias de alto nivel en establecementos de todo o Concello, así como a posibilidade de gañar premios valorados en máis de 7.500 euros e premios para o público e o sector.

Rolda de visitas da concelleira Roció Cochón aos establecementos adheridos ao TapeaPoio 2025 | Concellaría de Turismo de Poio

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, continuou este xoves a súa rolda de visitas aos vinte establecementos adheridos a esta iniciativa, onde está a agradecer persoalmente o traballo dos profesionais e comprobando in situ a resposta moi positiva do sector e do público, superando con creces a acollida da primeira edición e as expectativas: “Desde o mesmo momento en que comezou o certame, temos coñecemento de veciños de Poio e de toda a contorna que van co seu folleto, marcando as tapas que van probando, escollendo a súa favorita e facendo un boca a boca que está sorprendendo moi positivamente a todos”.

Cochón trasladou a satisfacción xeral dos hostaleiros ao comprobar “en moitos casos, familias enteiras e grupos de amigos que quedan para ir de a todos os establecementos para degustar e votar por cada tapa”. A responsable de turismo quixo agradecer tamén a persoas coñecidas que quixeron de forma desinteresada probar as tapas en varios locais e darlle difusión ao evento, como o escritor Manel Loureiro, o televisivo David Amor, a responsable da marca de moda Las Merceditas de Iria, Carmen Zaldívar ou o deputado autonómico e “Mozo de Arousa” Raúl Santamaría, pero máis aínda a cada un dos veciños e visitantes que xa deron conta de máis de 2.500 tapas.

O escritor Manel Loureiro no TapeaPoio 2025 | Concellaría de Turismo de Poio

A edil subliñou que a iniciativa cumpre aínda máis que en outubro pasado o seu obxectivo de ser “un impulso máis para dinamizar e poñer en valor o sector fóra dos meses de verán”, sen dúbida grazas ao gran esforzo que están a facer os profesionais da hostalería e restauración de Poio, aos que agradeceu ser “unha das principais e mellores cartas de presentación do Concello de Poio”.

O máis importante, a valoración dos participantes e de todo o sector: “Estamos comprobando que hai moita xente que vén por primeira vez a Poio, ou a algunha das súas parroquias, a comer ou a cear; estamos descubrindo que moitos visitantes, e tamén veciños, entran por primeira vez en locais e quedan encantados; ou que despois de probar a tapa abren a carta e quedan a comer coa súa familia e amigos”, destacou: “En definitiva, que clientes e restauradores están contentos. Ese é o noso obxectivo e para iso traballamos, para que Poio sexa cada vez un lugar mellor para visitar, para traballar, para vivir, e un destino único que descubrir os 365 días do ano”.

Por iso, quixo animar a participar no TapeaPoio “a quen estivera agardando para vir, que non agarde máis, ou a quen lle queden un par de locais por tachar, este á a súa oportunidade!”, e convidou a aproveitar estes últimos días para apoiar ao sector, pero sobre todo para vivir “unha experiencia culinaria de primeiro nivel nun entorno único”. E se quedan con fame de máis, poden repetir “o resto dos 365 días do ano”.

O o televisivo David Amor no TapeaPoio 2025 | Concellaría de Turismo de Poio

A PARTIR DO LUNS 19, RECONTO DE VOTOS E SORTEO, O MARTES 20, XORNADA DE VALORACIÓN DO XURADO E O LUNS 2 DE XUÑO, II GALA DA HOSTALARÍA DE POIO

Cochón explicou o funcionamento a partir da finalización do certame. A partir do luns, 18 recontaránse os votos físicos e telemáticos dos clientes para determinar as tapas galardoadas polo público en cada categoría, e farase o sorteo dos premios entre as persoas que depositaron o seu voto

O martes 20 a partir das 9:40 h no Pazo de Colón celebrarase a reunión do xurado experto, que degustarán e valorarán as 24 tapas para outorgar o Premio do Xurado para cada categoría. Este xurado de luxo está composto polos Chefs Pepe Solla (Casa Solla) e Xosé Cannas (Pepe Vieira), que suman 3 Estrelas Michelín, a consultora culinaria e empresaria Marga Pazos e o influencer de viaxes e gastronomía Alberto Ribas (Alvientoo).

Os establecementos participantes presentarán ao longo da mañá as súas creacións ao xurado, que valorará cada categoría, Tradicional ou Creativa, segundo os criterios recollidos nas bases, puntuando a presentación, a elaboración e o resultado.

Por último, o 2 de xuño celebrarase a “II Gala da Hostalaría de Poio”, na que se darán a coñecer os premios a profesionais e público e “se porá en valor ás persoas que fan de Poio un dos grandes referentes gastronómicos e turísticos de Galicia”.

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES E AS SÚAS TAPAS:

Os 20 establecementos participantes ofrecerán un total de 24 tapas -11 en modalidade creativa e 13 en modalidade tradicional- a un prezo único de 4 euros cada unha.

  • Bar Coral (Raxó), coa tapa “O Corvo viste de Millo” na modalidade tradicional.
  • Bodega O Bocoi (Combarro), con “Guiso de Parrochiñas con Millo” na modalidade tradicional.
  • Café-Bar Aquelo (A Seca – San Xoán), coa tapa “Paté de Mar” na modalidade tradicional.
  • Cafetería Ferreti (Raxó), coa tapa “Burger Morriña” na modalidade creativa.
  • Casa Angelita (Lourido – S. Salvador), con “Proxecto de Mar no Padal” na modalidade tradicional.
  • Casa Ces (Porteliña – S. Salvador), que ofrece dúas tapas: “Filloa de mar”, na modalidade creativa, e “A Gula do Xabaril” na modalidade tradicional.
  • Cervecería-Tapería Amura (Raxó), coa tapa “Sabores da Terra” na modalidade tradicional.
  • Chegar E Encher (San Xoán), coa tapa “Callos do Avó Ramón”, na modalidade tradicional.
  • El Barril (Combarro), con dúas creacións: “Cóctel do mar (camarón)” en modalidade creativa e “Croqueta do mar” en modalidade tradicional.
  • La Espuela Combarro (Combarro), tamén con dúas tapas: “Delicias do Mar” na modalidade creativa e “Mar e Terra” na modalidade tradicional.
  • Mirabous (Combarro), coa tapa “Barry Bacon Boom” na modalidade creativa.
  • Eirado Das Margaridas (Liñares – S. Xoán), cun “Falso Tomate Escalfado (umami)”, na modalidade creativa.
  • Novo Lar De Expósito (Samieira), coa tapa “Delicias de Polbo á Feira”, na modalidade creativa.
  • Peirao (Combarro), cun “Dueto de Mexillón” na modalidade creativa
  • Pinela Terraza (A Pinela – S. Xoán), coa tapa “Velas (Samosas de Sepia e Shitake)”, na modalidade creativa.
  • Restaurante Entrepedras (Combarro), coa tapa “Cazoliña Rey”, na modalidade tradicional.
  • Restaurante Evoca (Combarro), cunha tapa en cada categoría: “Batea Escabechada” en modalidade creativa e “Millo Corvo” na modalidade tradicional.
  • Restaurante Lameiriña (Raxó), coa tapa “Delicias de Bacallau” na modalidade tradicional.
  • Tintanegra (Combarro), coa tapa “Brioche de Rabo de Tenreira” na modalidade tradicional.
  • Torna (Combarro), coa tapa “Ceviche Marino” na modalidade creativa.

Toda a información sobre o certame en tapeapoio.gal

Está pasando!