Última semana para inscribirse no certame de regueifas en vídeo ‘Enreguéifate’

24 Maio 2021

O vindeiro 28 de maio remata o prazo de inscricións para o certame de regueifas en vídeo ‘Enreguéifate’, que nesta edición proporciounou unha serie de materiais formativos de libre visualización arredor da regueifa e da súa conexión con outras artes de improvisación oral, entre os que se atopan obradoiros impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira ou polo grupo musical SonDaRúa.

Ademais en Pontevedra, durante os meses de abril e maio impartíronse 22 obradoiros formativos en centros de ensino do concello: no IES Torrente Ballester e nos CEIP A Xunqueira 2, Cabanas-Salcedo, San Bieito de Lérez, Praza de Barcelos, San Martiño-Salcedo, Froebel. Estes obradoiros foron impartidos por Lupe Blanco, Josiño da Teixeira e A Rabela.

O ‘Enreguéifate’, que este ano chega á súa quinta edición, enmárcase no proxecto do mesmo nome impulsado polos concellos de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística que xestiona Alberto Oubiña, e os de Ames, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, e vén de recibir o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado. Trátase dun proxecto deseñado para fomentar o coñecemento sobre a improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar, polo que inclúe accións formativas para alumnado e profesorado de ensino non unversitario.

Para participar no certame, a inscrición poderá facerse desde a páxina web www.enregueifate.gal, onde tamén se poden consultar as bases. Como en edicións
anteriores, mantéñense as dúas categorías, xeral e escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: regueifa máis brava, regueifa máis aguda, regueifa máis diversa, regueifa máis reivindicativa, regueifa mellor cantada e regueifa mellor falada.

As bases establecen que o idioma empregado ten que ser o galego, a temática é libre, e que en cada vídeo deben aparecer, cando menos, dúas persoas. Unha mesma persoa pode participar en varios vídeos e a duración máxima das pezas será de 3 minutos. Non se establecen restricións no formato, sempre e cando as gravacións se aprecien de xeito claro. Tamén se advirte que non se poderán transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias, polo que a organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.

Está pasando!