Un ‘dream team’ de cociñeiros e unha colaboradora da Guía Repsol completan o xurado do I Campionato de Tapas de Galicia presidido por Yolanda León

29 Abril 2022

  • A mesa de expertos contará cos prestixiosos chefs Alejandro San José (campión de España de Tapas), Mitxel Suárez (campión de Euskal Herria de Pintxos) e Helio Flores (segundo clasificado de Castela e León) e a xornalista Irma Aguilar
  • O evento desenvolverase na Finca Batacos (Salcedo) o luns 2 e o martes 3 de maio, e abrirase cun acto inaugural que estará presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco

Un ‘dream team’ de personalidades expertas en gastronomía e comunicación, cunha destacada traxectoria profesional no mundo da restauración, conformarán o xurado presidido pola Estrela Michelin leonesa Yolanda León (dous soles da Guía Repsol en 2018) que terá a responsabilidade de seleccionar as mellores propostas presentadas ao I Campionato de Tapas de Galicia – Pontevedra 2022. Así, integrarán a mesa de ‘sabios’ o actual campión de España de Pinchos e Tapas, o valisoletano Alejandro San José, xefe de cociña de Habanero Taquería na capital castelá; Mitxel Suárez, cociñeiro do restaurante Borda Berri en Hueto Arriba (Álava), actual campión de Euskal Herria de Pintxos e terceiro clasificado na última edición do Campionato Nacional; o chef salmantino Helio Flores, que dirixe os fogóns do restaurante Los Álamos en Peñaranda de Bracamonte e que foi segundo clasificado no Campionato de Tapas e Pinchos de Castela e León e accésit ao Pincho Innovación no Nacional de Valladolid (ámbolos dous en 2021), e a xornalista mexicana afincada en San Sebastián Irma Aguilar, colaboradora da Guía Repsol e do grupo de comunicación El Debate.

Trátase de prestixiosas personalidades que teñen en común anos de experiencia no sector e coñecementos que lles permiten cualificar e seleccionar aos gañadores desta competición autonómica de cociña en miniatura. O certame, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Academia da Tapa e o Pintxo de España, desenvolverase no espectacular escenario da Finca Batacos (Salcedo) o luns 2 e o martes 3 de maio, contará coa participación de medio centenar de cociñeiros das catro provincias galegas (ata 17 establecementos da cidade sumáronse á I Ruta de Tapas de Galicia) e poderá seguirse vía streaming a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra. O acto inaugural terá lugar o luns ás 11:00 horas e estará presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.



En opinión da concelleira socialista, “os nomes dos expertos que compoñen o xurado deste I Campionato de Tapas de Galicia son unha garantía máis da excelencia e a calidade que presidirán este agardado evento gastronómico”. “Estamos ante un auténtico ‘all star’ do universo da cociña e a crítica culinaria, polo que as tapas que se presentan terán que convencer aos máis exixentes padais. Despois de catar algunhas delas na Ruta de Tapas xa podo anticipar que teñen un nivelón e que llo van poñer moi complicado a esta mesa de ‘sabios’, algúns dos cales xa saben o que é gañar este tipo de certames a nivel autonómico e nacional”, asegura Yoya Blanco.

Este Campionato de Tapas de Galicia conta co apoio e Estrella Galicia e Agua Cabreiroá, o patrocinio de Makro, o CRDO Ribeiro e Carrefour e a colaboración de Bodegas Lodeiros, Ibercook Food Service (a marca de Congalsa para a canle Horeca), Grupo Cacaolat, LavAzza, Tartuflanghe e Maquichef.

Máis de 3.000 euros en premios para os gañadores

Entre os elementos que o xurado deberá ter en conta á hora de puntuar as propostas presentadas inclúense os valores gastronómicos, a sostibilidade, a estética, a innovación e a viabilidade do petisco para servirse na barra dun bar. Entregaranse tres premios principais: o primeiro galardón dotado con 1.500 euros en produtos de Makro; un segundo premio dotado con 1.000 euros en produtos outorgados por Ibercook Food Service (a marca de Congalsa para a canle Horeca), e un premio de 500 euros en produtos de Bodegas Lodeiros (o vermú galego 100% sostible) para o terceiro clasificado. O xurado tamén terá a potestade de entregar unha mención especial, que será outorgada por Agua Cabreiroá, auga mineral natural de Galicia.

Asemade, os seguintes galardóns pretenden ser un recoñecemento ao esforzo e constancia dos hostaleiros participantes e ao seu interese en seguir creando novas propostas de tapas, enriquecendo deste xeito a gastronomía en miniatura:

  • Premio á mellor tapa que maride con Estrella Galicia.
  • Premio á mellor tapa que maride con viño branco DO Ribeiro.
  • Premio á mellor tapa que maride con viño tinto DO Ribeiro.
  • Premio á tapa maridaxe con vermú.
  • Premio á Innovación.
  • Premio á Sostibilidade.
  • Premio á Estética.
  • Premio aos Valores Gastronómicos.
  • Premio á Tapa máis Tradicional.
  • Premio á participación máis activa en redes sociais.
Está pasando!