Presentación de ‘Un médico na aldea’ | © Concello da Estrada

‘Un médico na aldea’, o musical con selo estradense que chegará ao Teatro Principal da Estrada a primeira fin de semana de marzo

26 Febreiro 2024

  • A obra, interpretada por Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas, sobre o escrito orixinal de Manuel Reimóndez Portela está dirixida e adaptada por Santiago Cortegoso
  • A estrea será esta fin de semana na cidade lusa de Braga, mentres que na Estrada as representacións serán os días 2 e 3 de marzo ás 19:00 e 20:00 horas, respectivamente

O Teatro Principal da Estrada exaltará na primeira fin de semana do mes de marzo a cultura local cunha dobre representación de ‘Un médico na aldea’, o musical dirixido e adaptado por Santiago Cortegoso e interpretado pola agrupación Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE).

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla foi o encargado de presentar a obra, acompañado por Enrique Reimóndez, neto do autor da obra; Rosa Herráiz, ilustradora; e o director, Santiago Cortegoso.

O público que así o desexe poderá gozar por partida dobre desta representación, dado que o Principal acollerá un primeiro pase o sábado, 2 de marzo, ás 20:00 horas e un segundo un día despois, o domingo 3 de febreiro, ás 19:00 horas. A estrea será esta mesma fin de semana na cidade portuguesa de Braga.



O escrito de Reimóndez Portela constrúese sobre un compendio de diversos relatos e vivencias vividas polo propio autor durante a súa época como médico na aldea, e, baixo a dirección de Santiago Cortegoso a narrativa de Reimóndez mudará ao arte escénico do musical coas interpretacións de Tequetexéldere e os integrandes da Escola Municipal de Artes Escénicas, así como coas ilustracións en directo de Rosa de Cabanas.

O edil de Cultura, Juan Constenla, convidou ao público a asistir “a un evento que supón unha exaltación da produción cultural estradense e do carácter multidisciplinar da mesma”. Durante a súa intervención Constenla agradeceu “o traballo de todos os axentes implicados para a materialización dunha obra que pon en valor o talento que atesouran as persoas e os colectivos artísticos da Estrada”.

As entradas poden recollerse por un prezo de 3 euros no departamento de Cultura do Concello da Estrada.

Está pasando!