Un novo espectáculo de gran formato de circo, ilusionismo, danza e música percorrerá Galicia a partir do próximo mes de setembro
30 Marzo 2022
- ‘Inventio’ é unha creación para público familiar chea de humor, misterio e fantasía; unha viaxe sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos de cinema futurista, que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023
- Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, música electrónica, composicións tradicionais e moito máis fusionaranse para abordar coma nunca o Camiño de Santiago baixo a dirección creativa do mago Martín Varela
- As entradas para as primeiras datas da xira de Inventio, unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e Fundación “la Caixa”, co apoio de Sargadelos, estarán a disposición do público a partir do mércores 6 de abril
Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un novo espectáculo de gran formato inspirado no Camiño de Santiago que o vindeiro outono-inverno tomará os nosos escenarios. Inventio é unha creación para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, na que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses; unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.
Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade. Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia (a través do programa Xacobeo 21-22) e Fundación “la Caixa”, co apoio de Sargadelos, que visitará un total de 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023.
As entradas para a xira galega de Inventio, que visitará Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, estarán a disposición do público a partir do próximo mércores 6 de abril.
A HISTORIA
Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha.
Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
MOITO MÁIS CA UN ESPECTÁCULO FAMILIAR
Ilusionismo, levitacións, acrobacias, equilibrios, malabares, números aéreos, aros voadores, coreografías trepidantes, treboadas de neve e torres de vento, pezas interactivas, videoproxeccións, animación audiovisual, música electrónica fundida con composicións tradicionais galegas, simbolismo celta, barroco compostelán e a estética xeométrica e vangardista de Sargadelos, traxes futuristas, humor, misterio, fantasía, drama, comedia, maxia, ilusionismo, teatro xestual, danza…. Todo isto, e moito máis, é ‘Inventio’.
‘INVENTIO’ E O CAMIÑO DE SANTIAGO
O Camiño de Santiago estivo presente na nosa literatura dende a Idade Media aos nosos días, dende a obra de autores como Cervantes, Quevedo, Zorrilla, Valle-Inclán ou os irmáns Machado á de Alejo Carpentier, Álvaro Cunqueiro, Matilde Asensi ou Cees Nooteboom. O Camiño foi tamén fonte de inspiración e materia prima de películas, documentais, composicións musicais e manifestacións artísticas ao longo de décadas. Inventio é fiel a esa tradición, dotando a posta en escena dunha importante profundidade e bagaxe cultural.
‘Inventio’ nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e fano enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
O EQUIPO
Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na dirección musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.
A XIRA
A estrea absoluta de Inventio terá en Galicia en setembro do 2022. O espectáculo viaxará despois por toda a comunidade e por localidades seleccionadas de España e Portugal, ata xaneiro do 2023. A venda de entradas para a xira galega de Inventio activarase a partir do vindeiro mércores 6 de abril.
Calendario de xira
- 30 de setembro, 1 e 2 de outubro: Teatro Jofre de Ferrol
- 7, 8 e 9 de outubro: Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela
- 5 e 6 de novembro: Auditorio Gustavo Freire de Lugo
- 11, 12 e 13 de novembro: Pontevedra, recinto por confirmar
- 2 e 3 de decembro: Auditorio Municipal de Ourense
- 3, 4 e 5 de xaneiro: Auditorio Mar de Vigo
- 13 e 14 de xaneiro: Teatro Colón de A Coruña
* Novas datas e espazos de España e Portugal por anunciar.