Presentación do I Concerto Quilo Solidario | © Concello de Pontevedra

Uns cantos de taberna por todo o alto a cambio dun quilo de alimentos non perecedoiro

13 Decembro 2023

  • Catro agrupacións da comarca pontevedresa pontevedresa unen forzas á hora de ofrecer dous concertos únicos este Nadal, na Casa Verde de Salcedo e no Teatro Principal
  • Máis de 80 músicos subirán ao escenario ao longo de dúas xornadas distintas, o 22 e o 29 de decembro, cunha entrada solidaria

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou este martes o I Concerto Quilo Solidario, un festival no que participarán distintos grupos de Pontevedra, ademais da comarca. O edil estivo acompañado de Andrés Lorenzo, representante da organización e director musical do evento; xunto con membros dos grupo Cantanascroas e da banda de gaitas Son da Pedra Meiga.

Gómez sinalou que desde o Concello «estamos encantados e encantadas de poñer a disposición as instalacións municipais como o Teatro Principal ou a Casa Verde de Salcedo» para a realización deste festival. «É unha honra axudar a realizar este tipo de actividades solidarias, máis aínda no tempo de Nadal no que estamos».

O festival articúlase a través de dous concertos distintos —en data—, primeiro na Casa Verde de Salcedo o venres, 22 de decembro ás 21 horas; e o venres 29 de decembro, ás 21 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.



Trátase dun espectáculo único, no que participan até catro agrupacións distintas que reunirán a máis de 100 músicos no escenario. Así, os conxuntos son: a banda de gaitas O Son da Pedra Meiga, o grupo de cantos de taberna Cantanascroas; o grupo de cantos tradicionais Muíños da Ponte; e o orfeón galego Aires da Castrelada.

Andrés Lorenzo lembrou que as citas musicais xiran ao redor do labor benéfico, e que xa desde o ano 2010 leva traballando en eventos deste tipo no municipio pontevedrés. «Imos tentar pasar un bo anaco de tempo, gozar entre todos e todas, e que a xente poida, tamén, colaborar con nós cantando as cancións», indicou.

A entrada para ambos os dous días é a mesma: entregar un quilo de comida non perecedoira. Por suposto, todo aquel que queira entregar unha maior cantidade poderá facelo.

Está pasando!