Anabel Gulías na presentación de Urbtopías 2023 | © Concello de Pontevedra

Urbtopías volverá traer reflexión, debate e encontro ao redor das cidades posíbeis e do futuro que está por vir

4 Abril 2023

  • Até catro xornadas distintas acollerá a igrexa de Santa Clara ao redor do urbanismo, o deseño, a arquitectura e a sociedade con nomes tan relevantes como Teresa Táboas, David Slim, Ola Gustafsson, Joana Meneses ou Jean- Paul Thibaud entre moitos outros
  • Todas as conversas serán de acceso libre até completar cadanseu aforo e non será requirido ningún tipo de reserva previa


A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta mañá de martes, 4 de abril, unha nova edición do ciclo Urbtopías, evento que vén definido como «unha liña no horizonte, un soño que sempre considerou a cidade como o espazo idóneo onde materializar novas ideas e posibilidades a través da arquitectura, o deseño e o urbanismo».

Así, a edición deste 2023 repite o obxectivo de facer de Pontevedra un punto de encontro, debate e reflexión sobre o futuro dos espazos que habitamos e «converter as nosas urbtopías en posíbeis cidades».

«Urbtopías hai xa uns anos da man da concellaría de Promoción da Cidade para aproveitar a referencialidade da nosa cidade. Ben é certo que que varias persoas que formamos parte do grupo municipal tivemos a honra de representar a Pontevedra en diferentes partes do mundo (Bruxelas, Madrid, Beijing…), Urbtopías nace da necesidade de falar do que aconteceu en Pontevedra nunha clave local, nunha clave que permita reflexionar sobre o que aquí acontece e tamén coñecer outras experiencias do globo a través de expertos de expertas», sinalou Gulías. «Queremos traballar en rede pos construír cidades mellores, sociedades mellores e un mundo, en definitiva, mellor».

Nesta edición quixo, segundo a edil, aproveitarse a centralidade do espazo público como temática principal, reivindicando este elemento como un dereito de todas as persoas. Así, o programa abrangue catro xornadas distintas, distribuídas ao longo dos meses de abril e maio, do seguinte xeito:

Mércores, 12 de abril ás 19.00 h | Igrexa do Convento de Santa Clara 

PAISAXE SONORA E CIDADE. REPENSAR O ESPAZO URBANO A TRAVÉS DA ESCOITA

Diálogo entre Jean-Paul Thibaud, sociólogo, doutor en Urbanismo e Desenvolvemento e investigador no CRESSON (Centro de Investigación sobre o Espazo Sónico e o Medio Ambiente Urbano) da Escola Superior de Arquitectura da universidade francesa de Grenoble e fundador de AMBIANCES, rede internacional que ten por obxectivo a investigación de ambientes arquitectónicos e urbanos; Xoán-Xil López, doutor en Belas Artes, musicólogo, artista sonoro e investigador e Luís López Alonso, membro do grupo de investigación GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade), investigador e profesor en formación no Departamento de Tradución e Lingüística Xeral na Universidade de Vigo; sobre o Espazo Sónico e o Medio Ambiente Urbano.

Encontro moderado pola xornalista Carolina Neira.

Entrada libre ata completar capacidade.


Mércores, 19 de abril ás 19.00 h | Igrexa do Convento de Santa Clara

A CIDADE CREATIVA. ONDE VIVES, IMPORTA

Diálogo entre María Yáñez, xornalista en medios dixitais, directora da revista dixital VINTE e asesora de comunicación e contido especializada na promoción e distribución de cinema; Joana Meneses, mestra en xestión do patrimonio cultural e coordinadora executiva de Braga 25 – Capital Portuguesa da Cultura e Xosé M. Buxán Bran, Decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, curador de exposicións, crítico de arte e editor; sobre a incidencia do espazo público no desenvolvemento económico e social a partir da innovación e o talento das persoas que o habitan.

Encontro moderado pola xornalista cultural dos medios públicos galegos Marta Gómez.

Entrada libre ata completar capacidade.

 


Mércores, 26 de abril ás 19.00 h | Igrexa do Convento de Santa Clara

A CIDADE SUAVE. UN CONTORNO A ESCALA HUMANA

Diálogo entre David Sim, arquitecto referente na planificación da habitabilidade urbana e a sustentabilidade a través do seu libro Soft City e do seu traballo como Director Creativo en Gehl Architects; Ola Gustafsson, arquitecto urbanista en proxectos complexos en todo o mundo, especialista na dimensión humana da planificación e ex director de proxectos en Gehl Architects; Teresa Táboas, arquitecta, Conselleira de Vivenda e Solo na VII Lexislatura e membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; sobre a importancia de crear contornas orientadas ao ser humano que fagan da vida cotiá unha experiencia agradable.

Encontro moderado por Fernando González ‘Gonzo’.

Entrada libre ata completar capacidade.


Venres, 5 de maio ás 19.00 h | Igrexa do Convento de Santa Clara

XORNALISMO URBANO. UNHA NARRATIVA SOBRE A CIDADE

Diálogo entre Ana Pardo de Vera, Directora Corporativa e de Relacións Institucionais de Público; Silvia Intxaurrondo, xornalista e presentadora de “La Hora de La 1” en Televisión Española (TVE); Rodrigo Cota, escritor e guionista e Ramón Rozas, xornalista cultural; sobre o xornalismo como ferramenta para a transformación das nosas cidades.

Encontro moderado por Jorge Rodríguez Álvarez, Doutor en arquitectura, especializado en deseño e planificación sostible e profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).

Entrada libre ata completar capacidade.


Toda información sobre as participantes e as moderadoras pode ser consultada na páxina oficial do ciclo, onde tamén se achega máis información útil das conversas, as edicións pasadas e outros cuestións.

Está pasando!