Varios dos mellores obradores de Pontevedra súmanse á I Feira das Reposterías e Panaderías da vila

22 Febreiro 2022

Pontevedra prepárase para degustar os doces máis saborosos do seu Entroido Gastronómico coa celebración da I Feira das Reposterías e Panaderías da vila, que terá lugar entre o venres 25 e o domingo 27 de febreiro en horario de 11:00 a 20:00 horas.

Entre as sobremesas das que poderán desfrutar os amantes da gastronomía que se acheguen durante esas xornadas de Entroido á carpa en forma de tipi de 200 metros que se instalará na Praza de España incluiranse delicias preparadas por Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado e Anxemí Panadería e Pastelería Artesá. Tamén haberá un stand específico da iniciativa Capital Gastro Lab.

Ademais de permitir que o público teña a oportunidade de mercar os mellores produtos típicos desta festividade tan identitaria da gastronomía galega, o recinto contará con mesas (sen cadeiras) para que os asistentes poidan ‘catar’ con calma os doces típicos destas datas e haberá unha exhibición de materias primas.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “esta cita gastronómica, enmarcada dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro, é un novo paso adiante de cara a poñer en valor o noso potencial culinario, sempre coa vista posta na consecución do título de Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023 (o nomeamento oficial realizarase na Feira de Turismo de Interior de Valladolid, que se celebrará entre os días 17 e 20 de novembro)”.


Está pasando!